Partido Popular de Lugo

O PP local de Ribadeo agradece á Xunta o investimento destinado á mellora dos sistemas de depuración de Porto e Reme

O Partido Popular de Ribadeo agradece publicamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a súa implicación coa localidade dado o investimento que destinará a mellorar a depuradora de Porto e á construción dun sistema de depuración en Reme.

O presidente do Partido Popular local, Jesús López Penabad, trasladou este agradecemento en nome do seu partido tras facerse pública a sinatura do convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia e que implica un investimento de 80.000 euros.

López Penabad resaltou que esta é unha mostra máis do afán colaborador da Xunta de Galicia co Concello de Ribadeo ao tempo que lembrou que a administración autonómica xa se implicara na elaboración dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (Edar).

O popular explicou que esta acción, encadrada dentro do convenio de colaboración entre o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a Xunta de Galicia, consistirá na mellora da depuradora de augas residuais de Porto mediante un sistema de depuración, na construción e acondicionamento de colectores, na instalación da condución eléctrica e na construción das arquetas correspondentes e dous pozos filtrantes.

Asemade, López Penabad engadiu que dentro deste convenio tamén se inclúe a construción dun sistema de depuración en Reme e a renovación do colector de augas residuais e canalización eléctrica baixo terra, ao tempo que se eliminarán os residuos sólidos da Zepa de Ribadeo.

O presidente do PP de Ribadeo cualificou de “moi necesarios” estes dous proxectos ao tempo que avogou pola necesidade de continuar a mellorar a rede de saneamento e dotar dun sistema de alcantarillado e canalizacións residuais ás parroquias do rural de Ribadeo que non dispoñan deste servizo.

Deste xeito, López Penabad reitera o seu agradecemento á Xunta de Galicia dado que esta colaboración da administración autonómica contribuirá á mellorar a calidade de vida dos veciños do Concello de Ribadeo.