Partido Popular de Lugo

O PP lamenta que Besteiro non aproveitara a súa visita ao Valadouro para explicar o contido do pacto que mantén oculto aos veciños

O Grupo Provincial do Partido Popular cualificou de “moi decepcionante” a visita institucional do Presidente da Deputación de Lugo, Jose Ramón Besteiro, ao concello do Valadouro. Os populares argumentaron esta afirmación en base a dous criterios: non aproveitou a súa estancia para explicar o contido do pacto de goberno que PSOE, Udival e BNG manteñen oculto aos veciños do Valadouro e tampouco foi quen de comprometer investimentos de relevancia no municipio.

MUÑIDOR DO PACTO

Jose Ramón Gómez Besteiro ademais de presidente da Deputación ostenta o cargo de secretario xeral do PSOE na provincia de Lugo. Esta dobre condición podía tela aproveitado para asesorar ao novo alcalde sobre a necesidade de dar a coñecer o contido íntegro do pacto de gobernabilidade nun exercicio de transparencia que aínda teñen pendente os novos gobernantes do Valadouro.

Os populares consideran que Besteiro acovardouse e non foi quen de realizar esta petición de transparencia porque, ademais de muñidor e valedor deste pacto económico –que pon prezo, 100.000 euros á gobernabilidade do concello- esta é a fórmula que quere extrapolar ao conxunto de Galicia en caso de acceder á secretaria xeral do PSdeG e, polo tanto, que non pode rexeitar un mecanismo que el mesmo pretende aplicar e pode ter aplicado noutros concellos ou incluso na propia Deputación, xa que polo seu carácter segredo, pode non ter transcendido

Desde o Grupo Popular están convencidos tamén de que Besteiro, que Goberna na Deputación de Lugo grazas a un pacto co BNG, pese a non ser a forza política máis votada, non ten lexitimidade para impoñer nada a un alcalde do seu partido que está nesas mesmas condicións, gobernando de costas ao resultado das urnas.

COMPROMISOS XENÉRICOS

Os populares tamén consideran “moi decepcionantes” os compromisos adquiridos por Besteiro a nivel local, xa que logo lonxe da aplicación de convenios xenéricos –que xa está a levar adiante en todos os concellos- e do remate dunha obra –a estrada do Cadramón- que tiña pendente de executar nun último tramo, non hai investimentos nin compromisos de relevancia.

O GPP di que é positivo aforrar en enerxía eléctrica e poñer en marcha cursos para a creación de empresas agrarias aínda que esperan que esta última proposta, a inclusión do Valadouro no proxecto Fórmate en Verde non teña nada que ver con que o actual alcalde imparte cursos destas actividades e, polo tanto, que non se busque aquí o interese persoal e económico duns poucos, por riba do interese xeral.

ALLEO AOS PROBLEMAS DO VALADOURO

Segundo o GPP Besteiro tamén perdeu unha oportunidade única para dar un repaso ás débedas que a administración ten con este concello, unha terra que, por sectarismo político, durante os últimos anos estivo totalmente abandonada pola Deputación. Está claro que a pesar do cambio de goberno, Besteiro ten demostrado que está moi lonxe, ausente, que ten a carteira baleira para os problemas do Valadouro.

Os populares valoran moi negativamente a visita do Presidente do ente provincial e están convencidos de foi un xarro de auga fría para as expectativas xeradas polos seus propios compañeiros de partido, empezando polo alcalde. Quizá por iso a súa visita institucional concitou un mínimo seguimento e eran moi poucos os veciños que se achegaron a recibilo, nun superaban a decena.