Partido Popular de Lugo

Lamela esixe a dimisión de Maria José Fernandez tras recoñecer a ilegalidade da terraza na súa cafetería

O portavoz do Grupo Municipal Popular do Valadouro, Jose Manuel Lamela, esixiu hoxe a dimisión de María José Fernández, edil de Udival e tenente de alcalde do Valadouro tras verse esta na obriga de recoñecer a ilegalidade da terraza do seu local hostaleiro. A concelleira do bipartito local recoñeceu que ten instalada unha terraza -aínda que asegura que é “con carácter temporal”- que incumpre os requisitos establecidos na ordenanza municipal.

PATENTE DE CORSO

Os populares consideran que polo seu cargo tería que “ser a primeira en dar exemplo” e que desde o momento en que recoñece esta irregularidade non ten lexitimidade algunha para seguir formando parte da Corporación Municipal. “Salvo claro que esta señora se crea por riba do ben e do mal e que actúe con patente de corso”

O PP insiste en que unha tenente de alcalde debería saber que a ordenanza municipal non permite a instalación provisional de ningunha terraza que incumpra os requisitos establecidos na normativa vixente, en resume, o peche perimetral e a instalación dunha tarima.

EXERCER A OPOSICIÓN CON RIGOR

Lamela asegura que o Grupo Popular seguirá exercendo con responsabilidade e rigor “ata as últimas consecuencias” a súa tarefa de oposición e que é absurdo considerar “un acoso persoal” denunciar as irregularidades das que son protagonistas os integrantes do bipartito local.

Sinala tamén o portavoz popular que “non se deixará presionar polas ameazas da concelleira” que asegura que podería acudir aos tribunais por unha cuestión de protección de datos pois, ante a evidencia das irregularidades cometidas por esta edil, ten a obriga de denuncialo publicamente, e non ten problema algún porque a Xustiza poida verificar estes feitos irregulares.

O ALCALDE DEBE ACTUAR

Finalmente espera que o alcalde, tal e como lle obriga a normativa municipal, “tome cartas no asunto e aplique a ordenanza, iniciando o procedemento sancionador correspondente”, como acontecería con calquera outra veciño que non respecte as normas e espera que o pacto económico subscrito polo bipartito, de 100.000 euros, non sexa ningún obstáculo para sancionar un incumprimento recoñecido pola propia tenente de alcalde.