Lugo, 17 de xullo de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular rexistrará con carácter inmediato unha moción para o seu debate no Pleno da institución provincial na que solicitan formalmente o reintegro dos salarios percibidos por Xoán Antón Estúa García, o traballador eventual (nomeado a dedo) da Deputación de Lugo que segundo denunciaron nas pasadas datas, a pesar de percibir un salario público do ente provincial e estar adscrito a unha área de goberno, desenvolvía gran parte do seu traballo con carácter partidista desde a sede que o BNG ten na localidade de Foz.
Os populares insisten en que estes feitos evidencian unha situación irregular deste empregado público eventual e que esta situación constitúe unha fraude aos lucenses que cos seus impostos observaban como o bipartito provincial liberaba a unha persoa da súa confianza para tarefas exclusivamente partidistas. Din ademais que esta circunstancia é un feito público e notorio e que negalo, supón un insulto á intelixencia dos lucenses.
QUEN SE ESCUSA, SE ACUSA
O Grupo Provincial do Partido Popular insiste ademais que a propia corrección de erros ordenada por Besteiro –con dous anos de atraso- vén a recoñecer que este traballador eventual estaba adscrito a unha área de goberno pese a que debería ter feito funcións propias do Grupo Provincial Nacionalista e polo tanto están tranquilos ante a ameaza de levar este asunto ante os tribunais. Lembran o aforismo xurídico que vén a dicir que “quen se escusa, acúsase”
Ademais aquí non existe error que vaia, se esta persoa é un traballador do Grupo Provincial do BNG debera estar traballando como mínimo na súa xornada laboral, nas instalacións que esta formación política ten na Deputación de Lugo e non na sede do BNG en Foz, ou participando nas manifestacións que convocan na Mariña.
EN MÁNS DA FISCALÍA
“Todo o que dicimos podemos acreditalo, empezando polos motivos que levaron á publicar esta corrección de erros. Pero ademais non descartamos que, se non o leva o Bloque Nacionalista Galego, seremos nós os que traslademos estes feitos á Fiscalía por si puideran ter algún tipo de relevancia xurídica, sobre todo se se negan a reintegrar uns salarios inxustamente percibidos, preto de 50.000 euros”-dixeron desde o GPPP.
CONCELLEIRO EN CERVO
Os populares destacan finalmente que Xoán Antón Estúa ademais de persoal administrativo de carácter eventual da Deputación provincial é un importante cargo orgánico do BNG a nivel comarcal na Mariña lucense e desempeña o cargo de concelleiro –o único nacionalista- na Corporación Municipal de Cervo. Curiosamente a persoa que asina a corrección de erros publicada o pasado mércores no Boletín Oficial da Provincia e unha compañeira de corporación neste municipio lucense, a socialista Lara Méndez, neste caso, autorizada por Besteiro.