Partido Popular de Lugo

O PP agarda que o bipartito rectifique e suprima a praza de asesor que considera indecente nun concello de 2.180 habitantes

O Valadouro, 11 de xullo de 2013.- O Partido Popular do Valadouro agarda que o bipartito municipal rectifique e suprima o gasto que para as arcas municipais implica a praza de asesor creada recentemente.

Os populares non comprenden como PSOE e UDIVAL que tiñan tanta presa por acceder ao Goberno agora din que os seus traballos non lles permite ter dedicación ao Concello e, polo tanto, nomean a dedo a este persoal eventual.

O portavoz municipal popular, Jose Manuel Lamela estima que nun concello como o de Valadouro con menos de 2.180 habitantes é indecente manter unha praza destas características e confía en que non comentan este atropelo.

Sinala que a pesar de que os propios concelleiros do bipartito puxeron en dúbida este aspecto –feito que deberá constar en acta- hai persoal municipal e funcionarios de carreira absolutamente aptos para desenvolver as función que pretenden darlle a este asesor, en concreto, a coordinación das dúas concellarías en mans de UDIVAL.

“É indecente que no concello de Valadouro se cree unha praza de asesor mentres se recortan servizos e se negan recursos para iniciativas tan importantes como o Plan de Emprego que propuxemos desde o Partido Popular”-dixo Lamela.

SOLUCIONAR PROBLEMAS INTERNOS

Os populares consideran que co nomeamento deste asesor a dedo, os concelleiros do bipartito local e máis en concreto os de UDIVAL buscan resolver os seus problemas internos, iso si, con cartos pagados co diñeiro da cidadanía.

O portavoz popular insistiu en que “as arcas públicas non poden servir para amañar os problemas persoais de ninguén, incluídos os do bipartito que insistían en pedir austeridade aos demais mentres reparte con xenerosidade o que é de todos e todas entre os seus”.

O BNG CÓMPLICE DESTES ATROPELOS

Lamela tampouco entende como é posible que o BNG volva a ser cómplice deste tipo de decisións e sinala que, con toda probabilidade, estas e outras aberracións forman parte do pacto de goberno que aínda manteñen oculto aos veciños.

POLA PORTA DE ATRÁS

Desde o Partido Popular explicaron que a previsible reforma da lexislación local impedirá que concellos como o de Valadouro que, por poboación e orzamento, poIdan nomear persoal a dedo, polo que sospeitan que a intención final é que esta persoa acceda ao concello pola porta de atrás, saltándose a convocatoria pública da súa praza, e os principios de mérito e capacidade.