Partido Popular de Lugo

O Partido Popular de Lugo celebrou 16 congresos nos últimos tres meses nos que renovou as súas Executivas locais

Lugo, 11 de xullo de 2013.- O Partido Popular de Lugo fixo hoxe balance do proceso de renovación das súas estruturas locais que veu desenvolvéndose nos últimos tres meses –maio, xuño e xullo- e que prevé continuar en setembro, en coincidencia co inicio do novo curso político.

Os populares explicaron que na provincia celebráronse 16 congresos locais nos que os afiliados –de xeito directo- tiveron a oportunidade de votar ás persoas que forman parte das novas Executivas e, polo tanto, do equipo que marcará a estratexia a desenvolver nos vindeiros anos.

Segundo salientaron desde a dirección provincial este proceso tivo lugar a bo ritmo –con dúas citas de media cada fin de semana- e cun grado de renovación que supera o 50%.Indicaron ademais que os congresos locais tiveron lugar nun clima de extraordinaria cordialidade, cunha única candidatura en todos eles e un nivel de fortaleza e cohesión interna moi alto. De feito, alí onde foi renovada a presidencia local contouse, en moitas ocasións, co presidente saínte como integrante da nova Executiva ou mantendo a presidencia con carácter honorífico.

ALTO GRADO DE RENOVACIÓN

Esa capacidade para conxugar renovación e experiencia quere servir ao PPdeLugo como pulo para fortalecer a estrutura do partido e que sexan as estruturas locais un mellor instrumento para dar resposta aos retos que os cidadáns marcan: máis emprego, mellores servizos, políticas dirixidas á recuperación económica

RENOVACIÓNS E REELECCIÓNS

Entrando polo miúdo a Dirección provincial explicou que en seis concellos os afiliados escolleron un novo presidente local, renovando polo tanto a primeiro posto da súa Executiva local, como foi o caso de Pol (Ángeles Lenza), Taboada (Ramiro Moure), O Incio (José Álvarez), Chantada (Javier Rodríguez Medela), Foz (Javier Castiñeira) e Monforte (Julia Rodríguez Barreira).

Noutras catro citas congresuais optouse pola reelección da persoa que viña exercendo a presidencia local, como é o caso do Valadouro (Jose Manuel Lamela), Vilalba (Agustín Baamonde), Burela (Jose María González Barcia) e Mondoñedo (Elena Candia).

E, finamente, noutros seis casos logo da celebración dos congresos os afiliados escolleron co seu voto como presidente electo á persoa que viña exercendo a presidencia da xestora local, como aconteceu en Ribadeo (Jesús López Penabad), Guitiriz (Xose María Teixido), Begonte (Jose Ulla), Castro de Rei (Francisco Balado), Navia (Antonio Fernández) e Portomarín (Juan Serrano).

O Partido Popular de Lugo foi quen de sumar nos distintos concellos novas ideas e novos equipos e desde a dirección provincial insisten en que se está a traballar desde o primeiro día para ofrecer todos os recursos e o apoio incondicional aos 67 municipios da provincia. A renovación das estruturas locais foi tamén unha estratexia marcada logo da celebración do Congreso autonómico e provincial do partido.