Partido Popular de Lugo

A Deputación pretende agochar a través dunha corrección de erros a moi probable fraude do asesor que cobra do ente provincial pero traballa na sede do BNG de Foz

Lugo, 11 de xullo de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular denunciou hoxe que o Goberno da Deputación de Lugo pretende agochar baixo unha corrección de erros a moi probable situación fraudulenta, denunciada nas pasadas datas, do asesor que cobra do ente provincial pero traballa na sede local do BNG de Foz.

Os populares fixeron público o Decreto aprobado pola Presidencia da Deputación e asinado con data 17 de xuño de 2013, polo que o Goberno bipartito corrixe o nomeamento de Xoán Antón Estua como persoal eventual adscrito a un área de Goberno provincial (a de Cultura, Turismo, Ensino e Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico) e decide adscribilo agora ao Grupo Provincial do BNG.

REITEGRO DOS SALARIOS PERCIBIDOS

Desde o PP xa adiantan que esixirán o reintegro dos salarios indebidamente percibidos por esta persoa que formalmente traballaba para un área de goberno da administración provincial pero o facía en realidade para o seu partido, como era público e notorio, limitándose a funcións estritamente partidistas.

O Partido Popular cuestiona ademais que esta corrección de erros con dous anos de atraso teña algún sentido, salvo o de recoñecer que esta era unha situación como mínimo irregular, e que incluso podería ter relevancia xurídica, polo que non descartan trasladar os feitos á Fiscalía.

O Goberno bipartito provincial tería incorrido ademais nun abuso das súas competencias, extralimitándose nas súas funcións normativas, para encubrir unha posible fraude moito maior: agochar que unha persoa que cobra da Deputación e percibía un salario por formar parte da área de goberno e traballa en realidade, como é público e notario, para o BNG e na sede que os nacionalistas teñen na localidade de Foz.

DESMENTIDO POLOS FEITOS

O Grupo Popular censura o papel xogado por Jose Ramón Gómez Besteiro en todo este asunto, amosando a súa incapacidade para emendar os desatinos que protagonizan os seus socios de goberno e lembran mentres que só fai uns días defendía no Pleno provincial a unha pregunta do PP que todo estaba correcto, agora desmíntenlle os seus propios actos ordenando esta corrección de erros.

Os populares insisten que a situación irregular de Xoán Estua foi unha “fraude á Deputación e aos lucenses” e que o BNG amosa unha vez máis a confusión que manteñen entre o partido e a función institucional que lle corresponde aos seus cargos.

O PP adianta que fará un seguimento desta cuestión pois sospeita que este tipo de amaños pode ser unha práctica habitual do bipartito provincial con algúns dos seus cargos aos que libera para tarefas orgánicas e partidistas pero iso si, a soldo da Deputación.