Partido Popular de Lugo

María Luisa Macía: “Fernández Montes ten que arranxar inmediatamente as alarmantes deficiencias do Centro de Educación Otero Pedrayo”

Rábade 9 de xullo de 2013.- “Teitos, literalmente, caendo, aulas despintadas e aseos rotos cun conseguinte fedor inaguantable”. Así se atopa o Centro de Educación Otero Pedrayo de Rábade, unhas deficiencias que son froito da pasividade e nefasta xestión do rexedor, Fernández Montes, máximo responsable do mantenemento e conservación do edificio.

“O teito do comedor está, literalmente, caendo; a humidade provoca que as aulas estén todas despintadas e presenten un cheiro inaguantable”-  criticou a voceira e presidenta dos populares de Rábade, quen dixo que o máis alarmante destes desperfectos é o estado que presentan os aseos, posto que rómpense as cisternas, non se fan as conseguintes labores de limpeza e os traballadores do centro vense na obriga de cerralos polo fedor que desprenden.

A popular manifestou que a directiva do colexio, leva máis de tres anos solicitando ao señor Fernández Montes o arranxo urxente destes desperfectos, a última solicitude fixérona na sesión plenaria municipal de onte, pero nembargantes, o rexedor fai caso omiso.

“Fernández Montes ten que reparar as deficiencias xa. Non pode agardar a que aconteza algunha desgracia para logo poñerse mans a obra”- denunciou Macía, quen asegura que a actitude de Fernández Montes demostra que non lle importa que alumnos e persoal do centro pasen o curso académico nestas condicións.

A popular tamén puxo de manifesto que outras das peticións por parte do centro ao rexedor son: forrar columnas do patio en forma de cilindro para previr accidentes nas esquinas, arranxar canalóns e as proteccións das columnas do polideportivo, colocar barras de luz e varias pizarras, arranxar a verxa do parque de educación infantil e detrás do comedor, reparar fendas e a limpeza dos sumidoiros na entrada do centro.

Macía lamentou que en máis de tres anos o rexedor non arranxase estes danos polo que pide novamente a Fernández Montes que faga posibles as demandas solicitadas polo centro e agarda que alumnos e mestres regresen en setembro co colexio reparado.