Pol, 8 de xullo de 2013.- A presidenta do Partido Popular de Pol, Ángeles Lenza agradeceu o impulso comprometido polo Goberno galego, a través da Consellería de Medio Rural e do Mar, para ultimar o proceso de concentración parcelaria da parroquia de Santa Eulalia de Suegos.
Lembrou que esta actuación foi promovida polos populares locais que pediron ao Goberno galego que dera prioridade aos pasos que farán posible a conclusión deste proxecto de concentración, baixo o convencemento de que redundarán en beneficio dos veciños que teñen a propiedade destes terreos.
PRETO DE 100.000 EUROS
O pasado xoves a Xunta licitaba por importe de preto de 100.000 euros (98.304,85 euros) os traballos técnicos necesarios para que desenvolver a concentración parcelaria nesta parroquia polense, en concreto, acordaba contratar a colaboración dos servizos técnicos necesarios para a realización dos planos parcelarios e altimétricos.
Lenza destacou tamén a celeridade que o Goberno galego impón nesta licitanción xa que logo abriuse un prazo de quince días naturais, contados desde a data de publicación da resolución o pasado xoves, para recibir as ofertas, despois do cal procederá ao estudo das propostas e á adxudicación dos traballos.
1.189 HECTÁREAS DE TERREO
A concentración parcelaria da parroquia de Suegos engloba unha superficie agroforestal de 1.189 hectáreas de terreo, que actualmente están repartidas en máis de 2.000 parcelas correspondentes a un total de 157 propietarios.
Os populares loitarán tamén polo impulso das concentracións parcelarias de Lea e Gondel, que se desenvolveron a petición dos propietarios e solicitadas xunto a de Suegos e San Estebo de Pol. Nesta última constituíse a xunta local o xoves e foron presentadas as bases.
APROVEITAMENTO RACIONAL DO SOLO
A través das concentracións parcelarias a Xunta de Galicia busca dar solución á histórica fragmentación da propiedade agraria e forestal promovendo unha ordenación da superficie que permita un uso adaptado ás necesidades agrícolas e forestais de cada zona.
Entre outras vantaxes a concentración parcelaria, posibilita un aproveitamento racional do solo, así como tamén a regulación xurídica da propiedade de todas as fincas, a través da correspondente inscrición rexistral.