Partido Popular de Lugo

BALSEIRO PIDE AO PSOE QUE SE SUME Á PRESIÓN AO SOCIALISTA ALMUNIA PARA QUE RECTIFIQUE E EVITE A CONDEA DE MORTE DO NAVAL

Mariña lucense, 3 de xullo de 2013.- O decisión do eurocomisario socialista Joaquín Almunia respecto da devolución das axudas concedidas a través do tax lease pon en perigo a continuidade de preto de 300 empregos nos estaleiros da Mariña lucense e do occidente asturiano.

Desde o Partido Popular o secretario do Parlamento de Galicia e deputado mariñán Jose Manuel Balseiro, pide ao PSOE autonómico, provincial e aos socialistas da comarca que exerzan a presión necesaria co seu compañeiro de partido Almunia, para que rectifique a evite a morte do naval.

Os populares teñen previsto rexistrar iniciativas de apoio ao sector dos estaleiros navais en todos os concellos da comarca rexeitando esta decisión arbitraria do dirixente socialista. Desde o PP lembran tamén que se trata dunha proposta discriminatoria se a comparamos co que se ten feito noutros casos semellantes que afectaban ao sector naval, como o francés e, polo tanto que de aplicarse suporía un claro agravio comparativo. Balseiro di ademais que a decisión de Almunia ten moi pouca lóxica xurídica, porque non se pode permitir que se aplique retroactivamente a devolución dunha subvención fiscal que, de acordo co réxime xurídico español, era perfectamente válida ata o momento que se declarou  que non cumpría a normativa comunitaria.

“A Joaquín Almunia non lle pedimos patriotismo, só xustiza e que aplique en España as mesmas decisións que adoptou  para outros países da UE”-explicou Balseiro.

Os populares lamentan o silencio do PSOE provincial e comarcal neste asunto o que debe engadirse á posición nada coherente dos seus dirixentes a nivel autonómico. “Os socialistas serán sempre benvidos á defensa do naval. Pero esperemos que adopten unha postura firme e definitiva. Pois en apenas 48 horas pasaron de non subscribir un manifesto en apoio do sector a pedir a cabeza de Almunia”

REACCIÓN DA XUNTA

Fronte a falta de reacción dos socialistas desde o PP poñen en valor o traballo que o presidente Feijóo forxou xunto a Asturias, País Vasco e o Ministerio de Industria unha posición común que evite a decisión avanzada a semana pasada por Almunia.

Con todo o PP subliña que a decisión non é definitiva e que queda menos dun mes para que esta se poida corrixir. “Quen ten a chave neste asunto é un socialista que está a piques de pasar á historia como a persoa que puxo punto e final a decenas de anos de tradición naval en Galicia”.

Segundo o PP é incoherente que Europa por unha banda conceda fondos comunitarios para combater o desemprego e ao mesmo tempo tome unha decisión que só en España destrúe 87.000 postos de traballo, preto de 300 na Mariña lucense e o occidente asturiano.