Partido Popular de Lugo

María Ángeles Lenza: “contarei con todos porque todos somos necesarios para que Pol recupere o que merece: un goberno popular”

Pol 28 de xuño de 2013.- Os afiliados do PP de Pol nomearon esta tarde-noite a ata o de agora edil, María Ángeles Lenza, presidenta da agrupación do PP en Pol. Unha decisión que se adoptou nun congreso local, celebrado no Tele clube de Andión, no lugar de Silva, (Pol) e no que participaron o presidente provincial, José Manuel Barreiro, o secretario xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro, así coma outros cargos públicos electos do PP na zona.

Coa celebración de este conclave culminou un proceso de refundación da agrupación, que arrancou no ano 1975 co comezo da democracia. Foi neste ano cando se creo un comité local, que pasou a presidir, no ano 1991, José Luis Fugarolas, alcalde durante 20 anos e presidente da xestora, ata o día de hoxe.

Co conclave de esta tarde-noite, Fugarolas pasou a ser presidente de honra do partido e cedeu a testemuña á edil María Ángeles Lenza, quen dixo afrontar o novo cargo con gran entusiasmo e ilusión e cun único obxetivo: recuperar a alcaldía.

“Traballarei arreo para recuperar o goberno e crear a unión entre os que eramos, somos e podemos chegar a ser”- manifestou Lenza, quen anunciou a posta en marcha dunha campaña de afiliación para sumar novos afiliados a un proxecto político comprometido con Pol e que representa as siglas do PP. 

A recén elexida presidenta destacou a importancia de todos para o bo funcionamento do partido; apostou pola xuventude,  polo traballo coordinado con Novas Xeracións, a quen definíu “como o futuro do partido”; polos máis maiores, a quen calificou de “voz da experiencia”, polos de mediana idade… en definitiva, unha aposta por tódalas idades.

“As portas están abertas para todos aqueles que queiran participar: para os máis maiores, para os máis novos, para os de media idade, en definitiva, para todos”- manifestou María Ángeles quen afirmou que contará con tódolos polenses xa que todos son necesarios para que Pol volva a contar cun goberno popular.

A recén elexida presidenta anunciou que o último sábado de cada mes, ás 22:00 horas, manterá unha xuntanza cos polenses no teleclube de Andión, para escoitar as súas necesidades e demandas e trasladarllas ao máximos órganos do partido.

A lista liderada por María Ángeles Lenza, que foi a única presentada ao congreso, consta dos seguintes integrantes: José Luis Muíña, Inés Fernández, María Luz Fernández, Artemio Gustabo Carballés, María Remedios Castedo, José Manuel Cedrón, Marta Pernas, Antonio Fernández, Mónica Rielo e José Carlos Calaza.

BIOGRAFÍA E TRAXECTORIA DA RECÉN PRESIDENTA DO PP LOCAL DE POL

Natural de Pol, María Ángeles Lenza naceu o 8 de agosto de 1980. Está solteira e non ten fillos.

Esta enxeñeira forestal, está ligada ao Partido Popular dende o ano 2007 e xa ten experiencia política contrastada posto que actualmente exerce de edil no concello polense e foi de número dous na lista nas pasadas eleccións municipais.