Lugo, 27-06-2013 – A voceira do PP na Deputación Provincial de Lugo, Elena Candia, recoméndalle ao nacionalista Antón Veiga, vicepresidente do ente institucional e responsable da área deportiva, que “deixe de perder o tempo e dea unha comparecencia explicando a contabilidade da Fundación Balogal”.
“Esta debería ser a actitude a seguir polo nacionalista”, explicou Candia, de quen considera que “é entendible” que utilice calquera declaración en defensa da súa honorabilidade, pero tamén debería explicar o proceso de selección dos monitores contratados ao abeiro da subvención nominativa concedida pola Deputación á Fundación Balogal por un total de 125.000 euros.
A voceira do popular explicou que o seu Grupo Político tivo acceso á conta xustificada da citada subvención e cuxa documentación lle permitiu aos populares confirmar a sospeita do uso partidista da mesma.
Neste senso Candia remitise á nota de prensa enviada o 9 de marzo de 2013, na que manifestaba a súa preocupación ante o feito de que os beneficiarios dos contratos de monitores coinciden con membros de listas electorais, algúns si non foron concelleiros foi porque non os votaron os veciños xa que nalgúns casos eran os segundos, un exemplo vese en Xermade, interventores, ou irmáns de concelleiros do BNG, partido político responsable da área deportiva na Deputación Provincial de Lugo.
Deste xeito, Elena Candia pregúntalle a Veiga se é quen de negar que hai persoas que foran nas listas electorais do BNG, algunhas en postos destacados que se fixeron con este traballo. A popular pídelle ao vicepresidente institucional que explique este proceso de contratación.
Elena Candia lamenta este novo exemplo de que Gómez Besteiro e Antonio Veiga dirixen e forman parte dun goberno cun moi dubidoso compromiso coa transparencia e a ética política, o que lles leva a cometer este tipo de prácticas como mínimo cuestionables.
Candia lamenta se cabe aínda máis este proceder tendo en conta as queixas publicadas por entidades deportivas que aseguraban sentirse esquecidos polo equipo que lidera José Ramón Gómez Besteiro, ao tempo que pedían maior transparencia na concesión de subvencións na área de deportes.
Conclúe a popular manifestando que causa sorpresa que pretendan negar o evidente porque se o grupo popular pedíu acceso as contas xustificadas da subvención nominativa da Fundación BALOGAL foi despois de escoitar as múltiples queixas ao longo de toda a provincia dos usos partidistas que se estaban a facer destas actividades deportivas xa que asemellaban nalgúns casos verdadeiros mítines.