Santiago, 20 de xuño de 2013.- O PPdeG vén de presentar no Parlamento unha iniciativa para instar á Xunta de Galicia a poñer en marcha liñas de cooperación cos concellos declarados de interese turístico para levar a cabo accións de atención e información aos visitantes na tempada estival.
Os populares sinalaron que a afluencia de visitantes nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro obriga a estes concellos a contratar persoal nas oficinas de información turística polo que solicita a colaboración da Administración autonómica “para o mantemento da calidade no servizo de información turística que se presta, de xeito que se potencie a imaxe de Galicia no seu conxunto e se colabore cos concellos no mantemento destas oficinas”.
Segundo expilcan desde o PP a propia declaración de municipio turístico xa é unha manifestación firme de compromiso destes concellos coa potenciación do sector turístico como área económica, social e cultural. Este compromiso leva implícito obrigas referidas fundamentalmente aos servizo públicos que deben prestar este concellos en aras de potenciar e poñer en valor os seus recursos turísticos e, máis en concreto, a disposición das propias oficinas de información e asesoramento ao visitante.
“Ese esforzo por parte dos concellos merece ter o recoñecemento da administración galega e ser apoiado con liñas de cooperación para que poidan desenvolver esa tarefa do mellor xeito posible cara a promoción desas zonas na época de maior afluencia de xente- indican no PP- quen concretan estes apoios na colaboración da Xunta para a contratación do persoal nas oficinas de turismo.
POTENCIAIS BENEFICIARIOS
Na provincia de Lugo dez son os concellos que teñen acadado esta distinción logo de ter reunido unha serie de requisitos de carácter histórico, monumental, paisaxístico e de conservación da natureza. Dentro das condicións esixidas esta a afluencia turística ou o número de aloxamentos turísticos e segundas residencias, ou a prestación de servizos e infraestruturas municipais cuns niveis mínimos de calidade.