Lugo 14 de xuño de 2013.- Acompañada polo rexedor de Burela, José María González Barcia e polo presidente do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, a voceira do GPP na Deputación de Lugo, Elena Candia, ofreceu esta tarde unha rolda de prensa onde instou ao presidente da Deputación de Lugo a que explique, de maneira inmediata, posto que estamos ante unha situación urxente, cales son os pasos que vai a dar para que as pezas da colección de Álvaro Gil continúen expostas no Museo Provincial de Lugo.
“O señor Gómez Besteiro, como máximo responsable da Deputación de Lugo e do conseguinte Museo Provincial, ten que explicar cales son as xestións que vai emprender para que estas relevantes pezas continúen na nosa provincia”- manifestou a popular, quen engadíu que tanto Besteiro coma os seus socios de goberno, teñen que levar a cabo os trámites necesarios, de maneira urxente, para que estes símbolos continúen en Lugo.
Manifestou Elena Candia que o seu partido apoiará tódalas xestións pendentes para manter o legado cultural da provincia, e tendo en conta ese apoio popular, o Señor Besteiro ten que contar coa súa formación política.
Neste senso, a popular afirmou que o goberno provincial non pode permitir que o legado cultural de Lugo esté oculto ao conxunto da cidadanía polo que Gómez Besteiro ten que explicar o qué se falou cos herdeiros de Álvaro Gil nas xuntanzas mantidas.
Criticou Elena Candia que o Equipo de Goberno non esté documentado nin informado e instou a Besteiro a qué explique o que falou a Deputación cos herdeiros de Álvaro Gil nas xuntanzas mantidas.
A popular lembrou que malia que a colección destas pezas é algo herdado, “o bipartito é agora o responsable de que estes símbolos” queden en Lugo e afirmou que tiveron seis anos para arranxar o problema.
Candia mostrou tamén a súa preocupación polo pago das costas xudiciais xa que de ser así, suporía un alto custo para os lucense posto que repercutiría no seu peto.
ENTRE AS PEZAS, DOUS SÍMBOLOS: TORQUES DE BURELA E CARNERO ALADO DE RIBADEO
O alcalde de Burela, José María González Barcia e o presidente do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, destacaron a importancia e o valor das pezas procedentes dos seus concellos, coma o Torques e o Carnero Alado, respectivamente, e manifestaron que a Deputación ten que facer todos os trámites necesarios para que estas pezas continúen na provincia.
Foi o alcalde de Burela, José María González Barcia, quen destacou a importancia do Torques burelés, localizado no ano 1950, e do cal dixo ser “o máis grande de Galicia” e asegurou que esta peza “compón o legado algo máis de medio centear de elementos de orfebrería castrexa”.
Tamén o presidente dos populares en Ribadeo, Jesús López Penabad, resaltou o Carnero Alado, localizado no concello ribadense e cedido por Álvaro Gil no ano 1976.