Partido Popular de Lugo

OS DEPUTADOS LUCENSES QUEREN FACER DO PLAN DE RECUPERACIÓN DO OSO PARDO UNHA NORMATIVA DE CONSENSO

Santiago, 12 de xuño de 2013.- Os deputados lucenses do Grupo Popular na Cámara galega, encabezados polo seu secretario xeral Jose Manuel Balseiro, rexistraron unha iniciativa parlamentaria para interesarse polo Plan de recuperación do oso Pardo e, máis en concreto, polas medidas que a Consellería de Medio Ambiente desenvolve para dar unha maior oportunidade de participación á cidadanía e aos colectivos interesados en propoñer achegas para  a elaboración final desta proposta normativa.

O Goberno galego vén de someter a información pública este plan que busca protexer a unha das especies máis vulnerables e ameazadas da fauna galega, así como determinar as zonas nas que se aplicarán as medidas para a súa conservación conforme ao establecido na Directiva europea sobre hábitats (Natura 2000).

O plan, que na actualidade está en exposición pública, afecta a algúns concellos da Montaña lucense, máis en concreto, un total de 64.820 hectáreas que inclúen de xeito parcial os termos municipais de Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Quiroga, Triacastela e Samos.

O MÁXIMO CONSENSO

A normativa final establecerá condicionamentos desde o punto de vista  da ordenación e aproveitamentos forestais, regulación de uso de camiños, pistas e vías pecuarias, regulamentación da caza, apicultura, rozas manuais e afectación as poboacións doutras especies como o lobo ou o xabarín, etc.

Con todo, tanto desde o Grupo Popular como desde a propia Xunta insisten na importancia de que a futura proposta normativa naza do máis amplo consenso posible e poñen en valor que está aberta ás achegas que poidan realizarse, durante o proceso de alegacións –que incluso foi ampliado-

OPORTUNIDADE DE DESENVOLVEMENTO

Finalmente, Jose Manuel Balseiro tamén indica que a través desta iniciativa o Grupo Popular quere coñecer as medidas que ten previsto adoptar a Xunta para que a conservación do oso pardo sexa vista como unha oportunidade de desenvolvemento das comunidades rurais nas que habita unha das especies máis ameazadas da fauna galega.