O Valadouro, 10 de xuño de 2013.- O Partido Popular do Valadouro considera que a edil de Udival e tenente de alcalde, María José Fernández, empeza moi mal a súa tarefa de goberno xa que en menos dunha semana desdícese das súas palabras e négase a facer público o pacto de goberno.
Os populares están convencidos que esta concelleira mentiu cando asegurou no último pleno que daría acceso ao documento a calquera veciño que o solicitase. Lembran que deste ofrecemento poden ademais dar testemuña todos os medios de comunicación que asistiron ao debate. Desde o PP sospeitaban que a pesar do comprometido nunca foi intención da concelleira dar a coñecer este documento e aseguran que tamén mentiu cando dixo que non tería ningún problema en colgalo no taboleiro de anuncios do concello.
Os populares lembran que os servizos municipais teñen un prazo máximo de 5 días para dar resposta á solicitude oficial feita polo PP a través do rexistro de entrada do concello. Din que non vale de escusa alegar que é un documento privado ou ocultalo baixo a normativa da protección de datos xa que é evidente a transcendencia pública dese documento por canto PSOE, BNG e Udival recoñeceron que serviu de base para presentar a moción de censura e acordar o pacto de goberno.
No PP non entenden a razón de tanto segredo e din que comparten a inquedanza do conxunto dos veciños do Valadouro e que, como eles, fanse unha pregunta moi simple: que será o que conten o polémico documento para que a día de hoxe segan a mantelo en segredo.
Por outra banda e en relación coas críticas efectuadas polas obras que se realizan na Casa da Cultura, desde o PP aconsellan á edil de Udival que se preocupe polo que o goberno bipartito ten previsto facer no futuro e non polos proxectos que tiña en marcha o PP, formación política que foi precisamente a que dotou a este concello dunha Casa da Cultura da que antes carecía.