O Valadouro, 7 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do Partido Popular, a través do seu portavoz, Jose Manuel Lamela, vén de solicitar formalmente acceso ao documento notarial asinado por PSOE, Udival e BNG e no que se baseou a presentación da moción de censura e posterior pacto do goberno entre socialistas e independentes.
Os populares dan resposta así ao ofrecemento feito pola portavoz de Udival, María José Fernández, durante o debate plenario da moción de censura, cando afirmou que o pacto estaba a disposición de calquera veciño que quixera consultalo. Con anterioridade ao debate da moción, a esta mesma concelleira afirmou –tal e como recollen varios medios de comunicación- que, incluso, estaría disposta a colgar o documento no taboleiro de anuncios do Concello.
Desde o PP manteñen que o contido deste documento ten un interese público notorio xa que logo condiciona a gobernabilidade municipal. De feito, polo pouco que se coñece, contén a polémica cláusula pola que os concelleiros do bipartito se comprometen a indemnizarse con 100.000 euros en caso de ruptura do pacto.