Lugo, 7 de xuño de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular formulará unha pregunta dirixida a Jose Ramón Gómez Besteiro para que explique e aclare como é posible que un cargo eventual -nomeado a dedo- pola Deputación de Lugo preste os seus servizos na sede do BNG de Foz.
Os populares denuncian que Xoán Antón Estua, pese a percibir un salario con cargo á Deputación -un soldo que procede dos fondos públicos provinciais- está a desenvolver unha labor exclusivamente partidista e a facelo incluso -como é público e notorio- desde a sede que os nacionalistas teñen na localidade de Foz, isto é, a preto de 90 quilómetros e case unha hora e media de distancia das instalacións centrais da Deputación.
FRAUDE Á DEPUTACIÓN E AOS LUCENSES
Con esta actitude, que desde o Partido Popular non dubidan e cualificar como “de fraude á Deputación e aos lucenses” os nacionalistas amosan unha vez máis o difusa que para eles está a liña que separa a función institucional da Deputación de Lugo das funcións propias do BNG como partido político. Un comportamento que está amparado polo seu socio de Goberno, o PSOE, e que leva a sospeitar que pode ser unha práctica habitual do bipartito provincial con algúns dos seus cargos aos que libera para tarefas orgánicas e partidistas pero iso si, a soldo da Deputación.
ADSCRITO Á ÁREA DE CULTURA
Xoán Antón Estua García foi nomeado como persoal eventual da Deputación de Lugo a través dunha resolución asinada por Jose Ramón Gómez Besterio, a quen os populares formulan a pregunta, e que foi publicada no Boletín Oficial da Provincia o 23 de agosto de 2011.
Segundo establece este documento, o presidente socialista da Deputación de Lugo resolvía nesa data a contratación, a través dun procedemento de libre designación (a dedo) dun traballador “eventual, na categoría profesional de administrativo, adscrito á Área de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico”.
Como indica a resolución pola que se lle nomea, Xoán Antón Estua García, debería prestar os seus servizos na área concreta á que se lle adscribiu na Deputación, e nunca no BNG, como está a facer na realidade. Os populares insisten “que este comportamento fraudulento polo que traballa ao servizo do seu partido é ademais público e notorio, como calquera pode comprobar a través da súa participación en distintas convocatorias, plataformas ou actos, nas que esta persoa está presente como responsable orgánico do BNG”.