Santiago, 5 de xuño de 2013.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Popular pola que se insta á Xunta de Galicia a impulsar o turismo mariñeiro como oportunidade económica e de emprego. O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu na Comisión de Pesca e Marisqueo que tivo lugar hoxe na Cámara galega que Galicia dispón dun referente turístico de primeira orde, ligado aos seus 1.400 quilómetros de costa e a unha historia vinculada ao mar e aos oficios marítimo-pesqueiros.
A proposición non de lei tamén establece o camiño a seguir neste ámbito que, segundo o acordo proposto, pasa pola potenciación de tres aspectos: Primeiro, a posta en valor dos recursos patrimoniais e culturais do mar en Galicia, segundo, a integración da pesca deportiva en compatibilidade coa actividade extractiva profesional; e, finalmente, a potenciación das actividades náuticas.
A iniciativa establece que a potenciación do turismo mariñeiro sexa unha competencia transversal, coordinada e impulsada nunha mesma dirección por distintos departamentos da Xunta. Para elo pide a creación dunha comisión mixta que se integre de forma activa na redacción e posterior execución desta plan de potenciación do turismo mariñeiro e na que, polo menos, participen: a Secretaría Xeral de Deportes, a Secretaría Xeral de Turismo e os departamentos que correspondan dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar (entre eles Portos de Galicia)
EFECTIVO NA LOITA CONTRA A CRISE
Jose Manuel Balseiro defende que resulta imprescindible aproveitar todo o potencial que para o turismo ten o mar, desenvolvendo a súa faceta cultural e etnográfica e potenciando a visión do medio mariño como punto de desenvolvemento de actividades de lecer e, de xeito especial agora que, a situación de crise obriga exixe dos poderes públicos a adopción de medidas efectivas e eficientes que coadxuven a paliar os seus efectos e a reducir o desemprego.
Balseiro lamentou que as forzas da oposicion non tiveran a responsabilidade de apoiar esta iniciativa, baseándose non no rexeitamento da proposta senón na autoría do Grupo Popular e lembrou que deste xeito PSOE, AGE e BNG volven a dar as costas a unha demanda que contou co apoio do propio sector.
De feito o portavoz popular lembrou que a proposión non de lei foi presentada e tivo moi boa acollida ante representantes dos principais axentes do sector pesqueiro. Concretamente nunha xuntanza con patróns maiores das confrarías de pescadores lucenses e represantes das directivas dos principais Clubs Náuticos da Mariña, que puideron realizar as súas achegas e suxestións para o impulso do turismo mariñeiro, cada quen no seu ámbito de influencia.