O Valadouro, 3 de xuño de 2013.- O Partido Popular do Valadouro subliñou hoxe que a poucas horas do debate da moción de censura que busca apartar da alcaldía á candidatura más votada polos veciños os partidos da oposición seguen “sen facer público o programa de goberno, nin tampouco as cláusulas do pacto que asinaron ante notario PSOE, Udival e BNG”. Os populares denuncian, unha vez máis, “a falta de transparencia” o e a nula información que socialistas, independentes e nacionalistas practican e que, “lonxe de declaracións de boas intencións, e promesas varias, aínda non foron quen de dar a cara e explicarse ante os veciños”.
OCULTAN TADOS AOS SEUS PROPIOS VECIÑOS
“Din que non teñen ningún problema en facer público o pacto. Pero a horas do pleno no que se tratará a moción de censura, este pacto, que a condicona, e a totalidade das súas cláusulas son segredas. Están ocultas aos veciños. Din que gobernan movidos por ideas e por un programa común, pero este programa, si existe, tamén segue sen facerse público, e incluso, noutras declaracións destes mesmos concelleiros adiantan que xestionarán as áreas de xeito independente, sen interferencias, constatando que en vez de unha coalición teremos dous gobernos, os integrantes do futuro bipartito desconfían mutuamente, os uns dos outros” –din desde o PP local para concluír que “nace un goberno escuro, con pes de barro, e ocultando datos aos seus propios veciños”.
PREZO POLÍTICO Á ALCALDÍA
Desde o Partido Popular aseguran que “reclamar transparencia e esixir que non se mercade coa política local ou que non se converta a gobernabilidade nunha cuestión económica e non política, non é un capricho, ou unha pataleta, senón unha esixencia de sentido común e de puro respecto democrático”. Pola contra, “de seguir actuando como ata o de agora, o Valadouro pasará á historia por ser o primeiro concello no que o seu goberno puxo prezo á alcaldía, coa complicidade de PSOE, independentes e BNG e auspiciado do secretario provincial socialista Jose Ramón Gómez Besteiro como instigador desta artimaña”
A XUSTIZA DECIDIRÁ
O PP mantén a súa intención de impugnar o acordo ante os tribunais unha vez que se aprobe a moción de censura. “Será a xustiza quen poña coto, quen se pronuncie logo de consumarse o atropelo antidemocrático que pretenden facer neste concello, dos que consideran o servizo público como unha mera transacción comercial, enlodando o futuro deste municipio e desprezando o mandato que nas urnas deron os veciños do Valadouro”.