O Valadouro, 3 de xuño de 2013.- O alcalde do concello lucense do Valadouro, Jose Manuel Lamela, que no día de mañá ten previsto someterse a unha moción de censura auspiciada polos grupos da oposición, quixo aproveitar as que previsiblemente serán as últimas horas no seu cargo –na actual lexislatura- para render contas ante o conxunto da opinión pública e os veciños do que foi, ata o momento, o seu mandato como alcalde: dous anos de goberno.
O rexedor fixo un repaso á boa situación das arcas municipais e aos principais proxectos que se executaron no municipio ou que quedan nunha tramitación administrativa moi avanzada. Datos que demostran a falta de consistencia de PSOE, Udival e BNG para fundamentar o súa moción de censura, xa que recibirán como herdanza un concello saneado, probablemente un dos que se atopan na mellor situación económica en Galicia, en contraste co contexto xeral de dificultade, e con preto de 742.000 euros en investimentos, obras, servizos e actividades en beneficio dos veciños.
AS ARCAS MUNICIPAIS SANEADAS
No ámbito económico o alcalde subliñou a fortaleza das contas públicas xa que logo existe un remanente de Tesouraría que se sitúa en 360.000 euros, moi por enriba do mínimo legalmente establecido. As arcas municipais tamén arroxan un superávit de 150.000 euros e, a día de hoxe, hai cero euros en créditos, polo tanto, ningún nivel de endebedamento. Valadouro é un concello saneado, forte, con capacidade para dar resposta ás necesidades dos veciños, que cumpre cos seus provedores e que non precisa de axustes orzamentarios, nin novas taxas.
742.000 EUROS EN INVESTIMENTOS
Lamela quixo deixar claro que durante os últimos dous anos non houbo nin parálise, nin falta de investimento, ao contrario, moito traballo e plena dedicación a pesar da nula colaboración por parte da oposición. Un esforzo que permitiu levar adiante obras por valor de 741.915 euros entre as que destacou a nova Pista de andadura –única en Galicia-, a segunda fase do saneamento de Moucide ou a remodelación da praza Triana.
O concello xa ten aprobados ou moi avanzados outros proxectos como é o caso da terceira fase do saneamento da parroquia de Mouicide que será executada con cargo do Canón Eólico que achega Xunta ou o Polígono Industria de O Valadouro, que xa conta co informe que quedaba pendente de Patrimonio e tan só precisa da aprobación definitiva do Pleno para a súa remisión final á Xunta.
RECIBIR UN CONCELLO TAN BEN COMO O ENTREGA
O actual rexedor lembrou que a candidatura do Partido Popular do Valadouro foi a que maior apoio electoral acadou nas últimas eleccións municipais e aspira a volver a ser forza de goberno nos próximos comicios locais, aos que xa adianta ten previsto presentarse de contar co apoio de compañeiros e afiliados.
Lamela concluíu cun chamamento á actual oposición: “Espero que cando regrese a alcaldía, cando os concelleiros do PP volvamos á responsabilidade de goberno, recibamos un concello tan saneado e con tal bo balance como o que eles herdan”.