Partido Popular de Lugo

Os populares queren ver todas e cada unhas das facturas que se aboaron en efectivo como gastos do KM0 con cargo ao anticipo de caixa fixa do Servizo de Protocolo

Lugo 31 de maio de 2013- O Grupo Provincial do Partido Popular reiterou esta mañá o escrito no que solicitan acceso á documentación xustificativa dos gastos do programa Kilómetro 0, sufragados con cargo ao Anticipo de Caixa Fixa do Servizo de Protocolo.

O Grupo Provincial do Partido Popular xa presentara rexistros o 11 de xaneiro de 2012 e o 16 de maio do mesmo ano, no que solicitaban copia das xustificacións destes gastos e reiterarana no día de hoxe para que sexa  cursada polo equipo que preside José Ramón Gómez Besteiro, por ser un dereito dos populares tal e como se recolle no Regulamento Orgánico de Funcionamento da Deputación Provincial de Lugo.

Da documentación que obra no poder do Grupo Provincial Popular, extráense pagos baixo a denominación de “Outros Gastos Diversos. Participación Cidadá (KM0) durante o 2012, que suman un total de 155.412,95 euros, e que se sufragaron baixo o procedemento do Anticipo de Caixa Fixa.

Ante esta situación e o proceder reiterado de José Ramón Gómez Besteiro na utilización do pago por Anticipo de Caixa Fixa, o GPP continúa coa súa intencionalidade de controlar e fiscalizar cada un dos gastos do KM0.  Así, os populares aseguran que utilizarán todos os procedementos que obren ao seu favor para que se lles dea acceso a esta información co único obxecto de cumprir coa súa responsabilidade de oposición e garantir e ter a seguridade de que a xestión provincial se asenta baixos os principios da ética e da legalidade.

Anticipos de Caixa Fixa

Por último, enténdese por anticipo de caixa fixa as provisións de fondos de carácter extraorzamentario e permanente que se realicen para a atención inmediata e posterior aplicación ao orzamento do ano no que se realicen. Neste senso, habilítase a unha persoa para que poda dispoñer destes fondos e despois imputar na partida orzamentaria correspondente.

Adoitan tratarse de gastos repetitivos, tales como dietas, gastos de locomoción, material…, pero que non teñen a consideración de pagos a xustificar. Asemade, adoitan ser de menor contía.

Polo tanto, poden efectuarse sen necesidade de tramitar un expediente de contratación, utilizando este procedemento de anticipos de caixa fixa, sempre e cando se trate, como se indicou, de gastos de carácter periódico ou repetitivo en bens correntes e servizos.