Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR AMOSA A SÚA SATISFACCIÓN POLO REXEITAMENTO DA EUROCÁMARA AO ACORDO PESQUEIRO CON MAURITANIA

Santiago, 30 de maio de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, amosou a satisfacción dos populares galegos logo de coñecerse que a Comisión de Pesca do Parlamento europeo rexeitou os termos establecidos no actual acordo pesqueiro con Mauritania.

O deputado popular dixo que este bloqueo, que sempre defendeu o propio Grupo Popular e a Xunta de Galicia, abre a porta á renegociación do acordo coa república africana para que se corrixan os termos do protocolo actual, que resultan máis lesivos para os intereses da frota galega, moi en concreto, en relación coa exclusión da pesca dos barcos cefalopodeiros.

MÁIS RESPONSABLES QUE A OPOSICIÓN EN GALICIA

Jose Manuel Balseiro felicitou aos eurodeputados –e moi en concreto ao seu poñente, o eurodeputado popular Gabriel Mato- pola decisión adoptada e á propia consellería do Medio Rural e do Mar que, xunto ao Ministerio, “nos consta que se implicaron desde o primeiro día para defender os intereses de Galicia e, moi en concreto, dos mariñeiros que traballan nos 24 buques cefalopodeiros que, segundo os cálculos que nos traladaron desde o sector, están vinculados a Galicia e non tiñan recoñecidas posibilidades de pesca neste caladoiro”.

Jose Manuel Balseiro dixo tamén que os eurodeputados tiveron “máis sensibilidade e responsabilidade que as forzas da oposición en Galicia”, xa que estas últimas non quixeron apoiar unha iniciativa dos populares galegos con este mesmo obxectivo: unha proposición non de lei pedindo o rexeitamento do acordo pesqueiro e a reformulación do mesmo.

Foi en concreto o pasado 22 de maio, cando a Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia daba luz verde a unha iniciativa impulsada polo voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, pola que se reclama aos eurodeputados españois que votasen en contra do acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Mauritania, como mínimo, ata que no mesmo non se inclúa a posibilidade de pesca para a flota cefalopodeira. Daquela PSOE, AGE e BNG votaron en contra, feito que agora teñen, segundo parece, rectificado.