Partido Popular de Lugo

O PP pregunta si o BNG actuará no papel de “tonto útil” e apoiará ao bipartito na súa intención de poñer prezo á gobernabilidade do Valadouro

O Valadouro, 29 de maio de 2013.- O Partido Popular considera que o BNG do Valadouro asumiu con toda naturalidade o papel político de “tonto útil” en todo o conflito que está a acontecer neste concello lucense. Os populares preguntan aos nacionalistas si teñen previsto manter esta estratexia de apoio incondicional ao bipartito e, sobre todo, si van a ser capaces de rectificar e deixar de ser cómplices na pretensión de socialistas e independentes de poñer prezo á gobernabilidade do Valadouro.

Desde o PP lembran que aínda que os nacionalistas –por decisión propia– non formarán parte do futuro goberno municipal, tampouco están fóra do pacto, xa que son un dos tres grupos promotores da moción de censura e unha das tres formacións políticas asinantes do documento notarial. Un pacto, por certo, cuxo contido íntegro segue a estar oculto, o que fai sospeitar aos populares sobre a posibilidade de que inclúa outro tipo de contrapartidas tan ou máis escandalosas, “non só é segredo senon un intento de enganar aos veciños”- aseguran os populares.

No PP cuestionan o papel político que xoga o BNG en todo este asunto. De feito están seguros que o propio concelleiro local nacionalista non puido negociar este pacto xa que, no pouco que se coñece del, o documento notarial, anticipa unha posible substitución do actual edil do BNG. “Non nos vale que o desminta Ana Ermida, que ela diga que non o van a substituír, senón que debe facelo alguén con peso suficiente no BNG a nivel rexional”. Ao entender do PP o concelleiro do BNG está a ser dobremente utilizado: tanto polos os asinantes do pacto, que o empregan como coartada para manter os 100.000 euros de indemnización, como tamén, polos seus propios compañeiros de partido que, segundo consta no pacto, teñen pensado substituílo.

FORZAR A RECONSIDERACIÓN DO PACTO

Desde o PP din tamén que si o BNG quere –cousa que está por ver- ten na súa man a capacidade de decidir e de forzar a socialistas e independentes para que deixen sen efecto esa escandalosa cláusula pola que as forzas do futuro bipartito acordan pagar unha indemnización mutua de 100.000 euros en caso de ruptura do pacto de goberno.

Segundo o PP no BNG deberán elixir “entre seguir ao servizo de PSOE e Udival ou comportarse como políticos responsables” e nese senso empraza aos nacionalistas a “ser valentes e antepoñer os intereses do Valadouro, e os seus veciños, sobre calquera outra consideración”.