Partido Popular de Lugo

Lamela: “A portavoz de Udival minte cando fala do pacto co PP no ano 2007 e oculta que declinou ser alcaldesa do Valadouro ata en dúas ocasións”

O Valadouro, 29 de maio de 2013.- O alcalde do Valadouro, Jose Manuel Lamela dixo hoxe que a portavoz de Udival, María José Fernández, minte cando se refire ao principio de acordo para gobernar en coalición que foi asinado en 2007 entre o PP e esta concelleira –daquela de Terra Galega-, pero que non entrou en vigor como consecuencia do paso ao grupo mixto dunha concelleira popular.

“NON É MOMOMENTO”

Lamela sinala que desde o PP non ocultan que se asinou este documento e que incluso parécelles ben que sexa público, pero quere deixar claro e contrasta que se trataba dun pacto “exclusivamente político” e que “non contiña, como o actual, ningún tipo de condicionante económico”. Di tamén que xa naquel momento se lle emprazou á María José Fernández, nunha conversa mantida co anterior alcalde e con el mesmo, “a relevar na alcaldía a Eulogio Fernández”, feito que María José Fernández declinou asegurando “que non era o momento”

Jose Manuel Lamela explicou que esta non sería a última vez que a hoxe edil de Udival renuncia a facerse coa alcaldía. Xa que cando o secretario xeral do PPdeLugo, Jose Manuel Balseiro, a animou a conversar e convencer a Ana Geada –a concelleira que pasou do PP ao grupo mixto- para que aceptase a María Jose Fernández como nova alcaldesa, “esta volveu a declinar este ofrecemento”.

O PACTO PSOE-UDIVAL SEGUE A ESTAR OCULTO

Lamela dixo que en todo caso o que lle importa aos veciños non é o acordo do PP de 2007, senón o contido do que se ten asinado agora e cuxo contido se está a ocultar, polo momento, na súa integridade. Os populares insisten en emprazar a Udival a que faga pública a totalidade do documento para demostrar que non hai outras contrapartidas da gravidade da que xa se coñece, a cláusula de 100.000 euros para, pase o que pase, condicionar a gobernabilidade do Valadouro.

QUE OFRECEU O PSOE EN 2007

Os populares tamén din que Maria José Fernández, que parece tan disposta a falar, tería que explicar que foi o que lle ofreceu o PSOE en 2007, porque tamén o oculta, probablemente porque é consciente de que os veciños castigarán a quen mercadea coa alcaldía do Valadouro.