Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR PEDIRÁ QUE O PARLAMENTO REPROBE O PACTO POLO QUE SE ESTARÍA A POÑER PREZO Á GOBERNBILIDADE DO VALADOURO

Santiago, 27 de maio de 2013.- Os deputados autonómicos do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez Sierra explicaron hoxe que a súa formación política estuda rexistrar unha iniciativa para que o Parlamento galego reprobe o pacto asinado por PSOE, Udival e BNG polo que se estaría a poñer prezo á gobernabilidade do concello lucense do Valadouro.

Lembremos que concelleiros socialistas e dun partido independente local, Udival, futuros socios de goberno, estipularon ante notario que se indemnizarán mutuamente con 100.000 euros se un deles rompe ou incumpre o pacto de goberno. O BNG apoiaría o acordo aínda que non estaría condicionado pola indemnización. A devandita cláusula estableceuse como garantía complementaria á presentación dunha moción de censura pola que se busca apartar da alcaldía do Valadouro ao rexedor do Partido Popular, Jose Manuel Lamela.

Os populares aseguran que este tipo de artimañas “converten a democracia nunha mera transacción mercantil e, o que debera ser un  mero pacto político, transfórmase nun acordo económico”. Aseguran ademais que non se respecta o principio de representatividade democrática, nin a liberdade de acción dos concelleiros e que supón un feito gravísimo e inaudito na historia da nosa democracia.

“Con independencia de como se xestione, da coincidencia programática ou de ideas o futuro bipartito local está condenado a entenderse a través dun pacto que asemella un matrimonio de conveniencia e que non ten para nada en conta os intereses dos veciños do Valadouro”- expoñen desde o PP.

Os populares queren promover un acordo parlamentario para rexeitar este tipo de prácticas e evitar así que poidan xeneralizarse noutros concellos galegos ou institucións, se non o teñen feito xa. Esta sospeita nace tras coñecerse que, foi o secretario xeral do PSOE en Lugo e aspirante á secretaría autonómica do PSdeG, Jose Ramón Gómez Besteiro, o muñidor desta artimaña pola que se estaría a mercadear coas alcaldías, coa política local.

Finalmente explican desde o Grupo Popular que non só o Parlamento de Galicia terá oportunidade de reprobar os termos deste acordo xa que logo tamén os populares tamén teñen previsto promover iniciativas similares na Deputación de Lugo. Os populares buscan unha desautorización expresa deste proceder que en todo caso, xa inhabilita moralmente aos seus promotores.