Partido Popular de Lugo

Balseiro: “PSOE e UDIVAL poñen prezo á alcaldía do Valadouro”

O Valadouro, 24 de maio de 2013.- Jose Manuel Balseiro Orol foi hoxe moi crítico co pacto acadado por PSOE, UDIVAL e BNG para impulsar unha moción de censura que arrebatará ao PP, a forza máis votada polos veciños, o goberno local no Concello do Valadouro.

Balseiro dixo que PSOE e UDIVAL “poñen prezo á alcaldía do Valadouro” logo de verse na obriga de recoñecer que “chegaron a un pacto inédito na historia da democracia” polo que as dúas forzas que conformarán o futuro goberno municipal se comprometen a indemnizarse con 100.000 euros en caso da ruptura do pacto.

“Non é unha moción de censura, baseada nun acordo político, nun programa ou no interese veciñal, senón unha simple transacción mercantil, un amaño económico: quen rompa o pacto paga”-dixo Balseiro- quen emprazou aos asinantes a, unha vez recoñecido que asinaron un documento ante notario, fagan públicas cada unha das súas cláusulas.

O dirixente popular foi especialmente crítico cos responsables provincias de PSOE e BNG que, segundo dixo, participaron na negociación desta moción de censura. Dixo que deberán dar conta ante os veciños destas negociacións secretas. Balseiro dirixiuse de xeito directo a Jose Ramón Gómez Besteiro para asegurar que, “unha persoa que aspira a liderar o PSOE en Galicia permite este tipo de tretas”

“Si para Besteiro e compañía a alcaldía dun concello de 2.000 habitantes vale 100.000 euros, canto será o custe pagado noutros bipartitos”- preguntou Balseiro- quen sospeita  que esta non é unha práctica illada no Valdouro. “Unha vez que o PSOE provincial recoñece e autoriza isto, deben aclarar si hai máis pactos deste tipo pola provincia”

O dirixente popular tamén dirixiuse ao BNG que, a pesar de ter dito que non quere integrarse no futuro goberno municipal, “por desconfianza nos seus integrantes” debe aclarar se tamén participou da sinatura dese pacto ante notario e se, unha vez coñecido os termos nos que se propón, “van a permitilo”.

Xa en clave local Jose Manuel Balseiro amosouse sorprendido porque o futuro bipartito naza desde a desconfianza e preguntou “que credibilidade poden ter ante os veciños uns señores que non se fían entre eles” en referencia a necesidade de abonar a indemnización en caso de ruptura do pacto. Dixo tamén que actuarán como un “matrimonio de conveniencia, dá igual como gobernen, ben o mal, teñen que seguir xuntos porque senón será a súa ruína”

Lembrou tamén que no Valadouro os veciños deron a maioría ao Partido Popular, á lista encabezada por Jose Manuel Lamela, “e polo tanto que este pacto de intereses so busca usurpar do goberno local a vontade dos cidadáns”. Significou que de levarse adiante a moción “a alternativa é un equipo de goberno máis débil, sen programa, sen ideas, sen iniciativas e moi probablemente un concello en negativo que se confrontará con Xunta e Goberno central, con todas as administracións nas que hoxe o PP ten responsabilidade de goberno”

Finalmente Jose Manuel Balseiro volveu a manifestar o seu apoio ao actual alcalde, o popular Jose Manuel Lamela de quen dixo ten o recoñecemento dos seus veciños, que saben que traballou co único interese de defender o mellor para o seu pobo, aínda en tempos de dificultade. Conta e contará co respaldo de todo o Partido Popular.

O secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro, fixo estas declaracións na rolda de prensa que ofreceu esta mañá en compañía do actual alcalde, Jose Manuel Lamela, da vicesecretaria provincial Elena Candia e do coordinador territorial pola Mariña, Jose María González Barcia.