Partido Popular de Lugo

Os populares levarán ao pleno da Deputación unha moción para habilitar medidas a prol do fomento do emprego xuvenil na provincia

Lugo 16 de maio de 2013.- Acompañada polo presidente provincial de NNXX, Daniel Vega, a voceira dos populares na Deputación, Elena Candia, anunciou esta mañá, en rolda de prensa, que os populares levarán á vindeira sesión plenaria provincial unha moción para instar ao Organismo a que habilite medidas que fomenten o emprego dos mozos na provincia.

O presidente provincial de NNXX, Daniel Vega e a voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, na rolda de prensa

O presidente provincial de NNXX, Daniel Vega e a voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, na rolda de prensa

Manifestou a popular que para combater este tipo de situación é necesaria a implicación e cooperación de todas as administracións e lembrou a partida de máis de 4 millóns de euros para o fomento de emprego que se recollen nos orzamentos da Deputación Provincial de Lugo para a presente anualidade.

Retomou Elena Candia o discurso de investidura do presidente da Deputación e lembrou que foi aquí onde, o Señor Besteiro, se comprometeu a contribuír dende a institución provincial e utilizar todos e cada un dos instrumentos dispoñibles en prol da creación e mantemento de postos de traballo. Ademáis, engade a popular, que no deseño das áreas de actuación da Deputación Provincial de Lugo, aprobadas na sesión extraordinaria de 7 de xullo de 2011, confírese a delegación dunha área baixo o nome de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade.

O presidente provincial de NNXX, Daniel Vega, recoñeceu que o desemprego xuvenil en España é un problema estructural que se veu agravado pola crise e que presenta graves consecuencias para a situación presente e futura dos mozos españois e galegos, limitando o crecemento potencial da economía nacional e autonómica.

Afirmou Vega que as estatísticas, coas que non se poden conforman as administracións públicas, reflicten taxas do 50% de paro en menores de 25 anos en idade activa.

“Dunha maneira máis concreta, segundo datos da Consellería de Traballo e Benestar de paro rexistrado, contabilizáronse uns 5.868 parados menores de 30 anos na provincia de Lugo durante o mes de abril”- manifestou o presidente dos mozos populares na provincia.

Candia e Vega afirmaron que tanto o Goberno Central como a Xunta de Galicia, tras un proceso de diálogo e participación cos interlocutores sociais, teñen impulsado o paquete de medidas máis ambicioso da historia dirixido a reducir o desemprego xuvenil, ben mediante a inserción laboral por conta allea ou a través do autoemprego e o emprendemento.

“Tendo en conta a necesidade de mellorar a empregabilidade dos mozos, aumentar a estabilidade do emprego, promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral e fomentar o espírito emprendedor – tal e como o están a facer dende outras administracións-; e facéndonos partícipes do compromiso adquirido polo responsable do ente, da dotación orzamentaria para este fin e da existencia dunha área de mocidade, instaremos a Deputación a que habilite un paquete de medias para o fomento do emprego dos mozos da provincia e atallar esta situación de desemprego”- concluíron.