Santiago, 14 de maio de 2013.- A voceira de Medio Rural do PPdeG, Isabel García Pacín, lamentou hoxe no pleno do Parlamento que “a oposición se dedique a facer ruído coa rumoroloxía danando as negociacións e o proceso para salvar Alimentos Lácteos”. A voceira popular indicou que en vez de iso “todos temos que apostar por salvar a factoría, o merece a comarca e a xente que se implicou neste tempo coa xestión, poñendo dacordo as partes cos medios ao noso alcance e que non lles quede ningún resquemor aos traballadores sobre o apoio total do Grupo Popular e da Xunta neste proceso de tanto calado para chegar a unha solución nos que os cooperativistas e os produtores sexan os maiores beneficiados”.
A deputada popular sinalou que “dende o primeiro momento a Xunta apoiou e segue a apoiar o proxecto mentres que a oposición sempre se situou na crítica non constructiva e non escatimou en contar mentiras e dicir cousas dispares ou mesmo buscar argumentacións políticamente aproveitables para atacar a xestión do Goberno galego en vez de buscar unha implicación para que o proxecto poida seguir adiante”.
“A oposición non é quen de dar leccións xa que na pasada lexislatura foron os socialistas os que deixaron a factoría Puleva en mans de investimentos franceses, aínda estando participada polo goberno central, mentres que agora se trata dunha iniciativa empresarial privada” indicou a voceira popular.
Isabel García Pacín fixo estas manifestacións na súa intervención no pleno do Parlamento nunha iniciativa do BNG que pretendía que a Xunta “substituira a unha iniciativa empresarial privada como é a factoría da que a Xunta non é propietaria e aínda así tanto os gandeiros como os transportistas e o comité de empresa saben que teñen o apoio decidido e responsable, tanto económico como político, e confían no traballo riguroso da Xunta de Galicia”. A iniciativa nacionalista pretendía que o Goberno galego presentara un plan e demandaba reunións de todas as partes implicadas “cando o que ten que facer o Goberno galego e estar ahí mediando e intentando poñer as partes dacordo cos xenerosos medios ao seu alcance e hoxe mesmo Xesgalicia recibiu ao Comité de Empresa” segundo a voceira popular.
García Pacín indicou que “o sector lácteo galego está a vivir momentos difíciles e necesita o apoio decidido dos gobernos autonómicos e locais e que todos arrimen o hombro para apostar polo sector e non utilizar as dificultades deste colectivo para conseguir réditos políticos”.