Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR ASEGURA QUE AS PROPOSTAS DA OPOSICIÓN EN MATERIA DE LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS LEVARÍAN A DESMANTELAR O SERVIZO E Á VULNERABILIDADE DOS MONTES GALEGOS

Santiago, 14 de maio de 2013.- O portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, dixo que aprobar a moción formulada no pleno do Parlamento de Galicia polo grupo de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), en relación coa política a desenvolver en materia de loita contra os incendios forestais, suporía “o desmantelamento deste servizo e, polo tanto, deixar en situación de vulnerabilidade aos montes galegos”.

O deputado popular lamenta a falta de iniciativas construtivas desde os grupos da oposición, xa que gran parte das propostas formuladas por AGE, e apoiadas por PSOE e BNG, xa foron debatidas tanto en Pleno como en Comisión sen posibilidade de acordo. “Insisten na diverxencia, no que nos separa, en reiterar cuestións nas que non podemos coincidir por pura responsabilidade, como por exemplo cando cometen o disparate de pedir que na loita contra os lumes empreguemos exclusivamente medios da Xunta”, dixo Balseiro.

TODOS OS RECURSOS E COLABORACIÓNS DISPOÑIBLES

Balseiro indicou que o Goberno galego ten que aproveitar “todos os recursos e colaboracións dispoñibles na loita contra o lume, sen ningún tipo de excepción”, e lembrou a “eficacia demostrada” dun operativo que hoxe conta coa axuda do Exército, dos apoios que pon o Ministerio, as brigadas forestais “ou incluso de medios especializados como os avións de carga en terra, dos que a Xunta pode facer uso grazas á colaboración público-privada”.

O portavoz popular volveu insistir en que contar con estes apoios é “imprescindible” e renunciar a eles “suporía aumentar o risco e diminuír a eficacia na loita contra o lume”. Dixo tamén que o feito de que haxa distintos medios e persoal participando nos operativos para facer fronte aos lumes forestais non implica ningún tipo de descoordinación. “Todo o contrario, corriximos esta situación herdada cando o PP impulsou unha reforma normativa para situar ao director técnico de extinción como o máximo responsable dos traballos a desenvolver en caso de incendio e como mando único operativo”, explicou.

MÁIS RECURSOS

Balseiro tamén replicou ás críticas de AGE sobre o financiamento das políticas de prevención e extinción de incendios lembrando que o seu apoio económico “está blindado e sitúase en niveis orzamentarios similares a 2012”. Lembrou a irresponsabilidade e as continuas contradicións dos grupos da oposición, que chegaron a apoiar unha emenda socialista pedindo un recorte de 2 millóns de euros no orzamento deste servizo.

O deputado popular tamén salientou que en 2013 o Goberno galego decidiu incrementar as partidas orzamentarias de apoio á produtividade do monte, tras constatar a súa eficacia para a prevención dos lumes forestais. Neste sentido, puxo como exemplo que a Xunta elevou nun 161% o orzamento para accións de silvicultura ou nun 10% os fondos  destinados a accións de sanidade vexetal.

Desde o Grupo Parlamentario Popular tamén quixeron subliñar que na presente anualidade o Goberno galego vén de impulsar distintas medidas como son o apoio á redacción dos plans municipais de prevención (e a súa adaptación ás novas esixencias da lei de Montes), convenios con todos os concellos para a posta en marcha das brigadas municipais contraincendios e a tramitación dunha orde de axudas específicas para as comunidades de montes e que inclúe axudas para rozas de matorral, clareos, puntos de auga e outras medidas preventivas.

BRIGADAS FORESTAIS

Fronte ás críticas de AGE, o deputado popular tamén quixo aclarar que en todas as contratacións que se levan a cabo (tamén ás das empresas públicas) rexen os principios de mérito e capacidade, ao tempo que a experiencia laboral e a formación específica sempre son dous factores básicos á hora de contratar e, polo tanto, méritos puntuables de enorme peso á hora de seleccionar aos profesionais que traballan nas brigadas e que desempeñan unha función moi importante, reforzada agora grazas aos convenios cos concellos e os novos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES)

Ante todo este conxunto de propostas, Jose Manuel Balseiro lamentou a intransixencia das forzas da oposición, ás que pediu que depuxeran a súa intención de politizar esta cuestión e acolleran favorablemente por responsabilidade o chamamento ao consenso feito no último pleno pola conselleira Rosa Quintana “para loitar todos xuntos contra o que debera ser o verdadeiro inimigo común: aquel que provoca incendios nos nosos montes”.