Santiago, 13 de maio de 2013.- O portavoz da área de Montes e Incendios do Grupo Popular e secretario do Parlamento galego, Jose Manuel Balseiro, preguntará pola colaboración que ten previsto prestar a Xunta de Galicia aos concellos galegos en termos de loita contra os incendios e, moi en concreto, no despregue das novas brigadas municipais. O parlamentario popular interpelará aos responsables da Consellería do Medio Rural e do Mar na comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes prevista para esta semana no Parlamento de Galicia.
Balseiro lembra que foi a propia conselleira, Rosa Quintana, quen sinalou como unha das prioridades do departamento que dirixe o establecemento dun reforzado modelo de relación cos concellos para articular a resposta en materia de prevención e extinción de incendios forestais, unha medida que desde o Grupo Parlamentario Popular entenden especialmente acertada -segundo salientou o deputado- xa que suporá un apoio económico desde a administración autonómica ás locais que ascende ao 75% do total do custe da brigada.
O portavoz da área de Montes e Incendios tamén defende que as entidades locais son as que mellor coñecen as súas necesidades en materia de incendios e polo tanto básicas na planificación destas accións.
BRIGADAS COMPOSTAS POR 4 O 5 PROFESIONAIS
Balseiro preguntará na Comisión 7ª que ten previsto celebrarse esta semana como teñen previsto estruturarse estas novas brigadas e cales serán as súas tarefas (no ámbito da prevención e extinción dos lumes, forestais e vixilancia).
Con todo, xa coñecemos que o número de persoas contratadas poderá oscilar de entre 4 e 6 para cada brigada que, en principio, prestarán os seus servizos entre os meses de xullo ata o remate da primeira quincena de outubro.
OUTROS APOIOS
O persoal das brigadas municipais disporá na súa tarefa de prevención e loita contra os incendios do apoio doutros operativos como poden ser os parques de bombeiros, tanos municipais como comarcais, como dos novos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) nun amplo operativo ao que tamén hai que sumar Protección Civil e o resto de corpos que colaboran nas emerxencias, como Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, servizos sanitarios, etc.
Precisamente o Consello da Xunta deu luz verde o pasado venres á sinatura dun convenio de colaboración entre o Goberno galego, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as Deputacións provinciais, polo que as tres entidades achegarán 18,6 millóns de euros entre 2013 e 2015 para a creación e implantación dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES)