Partido Popular de Lugo

José Jesús Ramos Ledo non se presentará á reelección no Congreso local do PP de Taboada

Lugo, 10 de maio de 2013.- O presidente do Partido Popular na provincia de Lugo, José Manuel Barreiro acompañado do secretario xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro, mantiveron hoxe unha reunión dirixida a preparar a convocatoria do Congreso local do Partido Popular de Taboada que ten previsto celebrarse o sábado 29 de xuño.

A principal novidade deste conclave é o anuncio do actual presidente do PP local, José Jesús Ramos Ledo, de non presentarse á reelección e polo tanto de dar o paso para iniciar unha renovación da dirección do partido en Taboada que incluirá unha nova persoa na súa presidencia.

Serán os militantes que estean ao corrente do pago das súas cotas de afiliación os que -de xeito directo- poderán escoller aos integrantes do novo Comité Executivo local do Partido Popular de Taboada, para o que nos próximos días se convocará de xeito oficial o Congreso local.

José Manuel Barreiro tivo palabras de recoñecemento á traxectoria política de Ramos Ledo de quen destacou que desde a presidencia local fixo posible que o Partido Popular gañara con maioría absoluta todos os procesos electorais celebrados desde o ano 1987. Foi un dos alcaldes con maior apoio popular da provincia e de feito gobernou durante 22 anos ata o seu nomeamento, en 2009, como Xefe Territorial de Educación e Cultura, responsabilidade que continuará exercendo.

AGRADECEMENTO AOS SEUS VECIÑOS

Pola súa banda, Ramos Ledo quixo amosar o seu recoñecemento e gratitude “ao apoio recibido durante todos estes anos dos seus veciños e pola confianza que nel depositaron desde as direccións provincial e rexional. Tamén expresou a súa gratitude a tódolos concelleiros, e empregados municipais que con con él colaboraron todos eses anos e tivo un recordo especial para dous concelleiros que xa nos deixaron: Antonio Vázquez Vázquez e Manuel Gómez García. Dixo tamén que daba este paso “coa seguridade de que a renovación do equipo será positiva para seguir impulsando o proxecto popular a nivel municipal tendo en conta a ilusión que os novos membros da Xunta Local poñerán ao servizo do progreso de Taboada”

RENOVACIÓN

A renovación da Xunta Local en Taboada únese ao proceso que o Partido Popular de Lugo está levando a cabo nos seus equipos locais, de feito, cada fin de semana dos meses de maio e xuño está a celebrarse un congreso local ao longo e ancho da provincia.

Unha renovación marcada, segundo explicou José Manuel Barreiro “polo consenso dun partido unido, que traballa cohesionado por ofrecer ao cidadán solucións reais e eficaces ás súas demandas e necesidades”. Insistiu en que “deste as estruturas locais é posible seguir contribuíndo co traballo á beira dos cidadáns”. Ademais, explicou que os novos equipos locais do Partido Popular “estanse marcando o obxectivo  de seguir contando coa experiencia das persoas que deixan os seus cargos nas executivas locais, á vez que aportan novas ideas e propostas de persoas que se incorporan aos equipos, traballando de forma activa polo crecemento das súas localidades e de toda a provincia”

LONGA TRAXECTORIA REPLETA DE ÉXITOS

O presidente saínte, José Jesús Ramos Ledo naceu en Taboada en 1944. Ademais da súa traxectoria como alcalde nunha Corporación na que gobernou con maioría absoluta durante 6 lexislaturas consecutivas, traballou durante 32 anos como director do CPI “San Tomé do Carballo” desta localidade.

Durante 8 anos foi Deputado Provincial, tempo no que foi membro da Comisión de Goberno e Delegado de Educación e Deportes. Como integrante da FEGAMP, formou parte da Comisión Galega Interinstitucional do Menor e, no ámbito alleo á política, presidiu o Taboada Club de Fútbol, ademais da dirixir a Cooperativa Medela, berce da actual Cooperativa ICOS, Alférez no Almansa de León e Xuíz de Paz.