Foz, 7 de maio de 2013.- O presidente provincial do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Barreiro, tivo hoxe palabras de recoñecemento ao papel desenvolvido nos últimos anos polos integrantes da xestora do Partido Popular de Foz, “un grupo de persoas que foron quen de revitalizar o partido a nivel local e crear un equipo gañador, ata o punto de facer realidade o gran reto de recuperar a alcaldía”, hoxe en mans do popular Javier Castiñeira.
O líder dos populares lucenses sinalou e puxo en valor a dedicación de cada unha das persoas que integran a xestora local saínte, e a conformación “dun equipo sólido e unido” que desde o primeiro día “loitou polos intereses dos seus veciños e por facer realidade moitos proxectos en beneficio do municipio”.
DESDE O ANO 2009
Foi no ano 2009 cando a dirección provincial nomeaba unha xestora, composta por 25 persoas que asumiron as rendas do Partido Popular de Foz. Segundo Barreiro, fronte a todos eles os populares da provincia teñen unha “débeda de gratitude” e quixo personalizar o seu agradecemento tamén no actual presidente local, Ramón Fernández, de quen salientou o seu “compromiso político” e “traballo incansable” e sinalou que lle “honraba o seu comportamento e exemplo de xenerosidade”, tras a súa decisión de non optar á reeleción.
En concreto, Ramón Fernández dará paso ao actual alcalde, Javier Jorge Castiñeira, que será o encargado de tomar as rendas da formación local como novo presidente electo dos populares de Foz. Un traspaso de responsabilidades que terá lugar moi previsiblemente no Congreso que se celebrará o vindeiro venres 10 de maio. Cederá así a testemuña ao actual rexedor e á persoa que encabezou a candidatura que obtivo maior respaldo electoral entre os veciños deste concello.