Partido Popular de Lugo

ÁNGEL CAMINO SALIENTA QUE A INTERMEDIACIÓN DA XUNTA NA CRISE DE COSMOS SERVIU PARA VELAR POLA CONTINUIDADE DA ACTIVIDADE DA EMPRESA

Santiago, 2 de maio de 2013.- O deputado do Grupo Popular, Angel Camino, afirmou hoxe no Parlamento que as xestións realizadas pola Xunta de Galicia para manter  operativa a produción e o emprego da empresa Cosmos de Sarria permitiu afastar “o pantasma do peche” desta factoría e “albergar a esperanza de que se recupere a súa actividade plena cando as circunstancias melloren”.

Ángel Camino formulou no día de hoxe na Comisión de Industria da Cámara galega, unha pregunta parlamentaria para interesarse polas xestións desenvolvidas pola Xunta de Galicia en relación coa crise que afectou á empresa Cementos Cosmos sita na localidade lucense de Oural (Sarria).

SOLUCIÓN SATISFACTORIA

En resposta a esta iniciativa compareceu o director xeral do IGAPE, Javier Aguilera, quen destacou o intenso labor desenvolvido pola Xunta de Galicia para procurar que esta fábrica se mantivese operativa e con potencial para recuperar nun futuro próximo máis altos niveis de produción e de emprego.

Javier Aguilera tamén explicou que empresa e traballadores chegaron a “unha solución que cabe considerar satisfactoria” que implicou un número moito menor de despedimentos dos inicialmente previstos, complementados mediante medidas sociais de acompañamento como foron a creación dunha bolsa de traballo e de apoios para as recolocacións, así como indemnizacións que superaron amplamente os mínimos legais. O 15 marzo empresas e traballadores asinaban o acordo, ratificado polo propio Comité de Empresa e aprobado en asemblea pola maioría do cadro de persoal.

RECUPERAR A ACTIVIDADE E O EMPREGO

En resposta a esta información, Angel Camino salientou, en nome dos deputados do Grupo Popular, que se trata dunha decisión final pactada que implicou o mantemento da actividade da empresa, “afastando o pantasma do peche”. Este feito foi considerado polo deputado como “importantísimo, xa que permite albergar a esperanza de recuperar unha actividade plena da factoría, cando as circunstancias melloren, algo que non ocorrería de producirse un cese total de actividade”

Angel Camino tamén quixo “mostrar a nosa satisfacción” polos resultados acadados, froito sen dúbida da intermediación da Xunta de Galicia e, en especial, do seu Presidente. “Digo en especial do seu Presidente, porque é para nos notorio que na súa visita á comarca de Sarria o 27 de outubro pasado xa mostrou a súa sensibilidade co problema, recibindo ao Comité de Empresa”

En resume, Angel Camino reiterou “que as moitas xestións realizadas pola Xunta de Galicia, tanto desde a Presidencia, como desde a Consellería de Economía e Industria, IGAPE, así como tamén polos alcaldes de Sarria e Triacastela, o esforzo do Comité de Empresa e mesmo as masivas manifestacións como a celebrada o 25 de novembro, frutificaron no que parece ser o mellor dos acordos posibles. Xa que despois da postura inicial da empresa, ninguén pensaba que a día de hoxe a fábrica seguira aberta”.

Angel Camino matizou que falaba do “mellor dos acordos posibles” posto que “os propios traballadores, directivos da empresa, e representantes sindicais parecen habelo celebrado xuntos o pasado día 7 de abril participando nunha comida”, tal e como recolleron os medios de comunicación. “Este feito, aínda que poida resultar insólito, demostra o contrario, que é, a satisfacción de todos eles”. E finalizou dando a “noraboa tamén ao conxunto da sociedade galega”