Partido Popular de Lugo

O PPdeLugo convoca os Congresos Locais de Monforte e Chantada

Lugo, 26 de abril de 2013.- O Partido Popular de Lugo dentro do proceso de renovación das agrupacións populares nos concellos da provincia vén de anunciar a convocatoria dos congresos locais en Monforte e Chantada.

Así o deu a coñecer hoxe o líder provincial dos populares lucenses, José Manuel Barreiro, acompañado do secretario xeral, José Manuel Balseiro e dos actuais presidentes locais de Monforte, Dámaso López Rodríguez e de Chantada, Susana López Abella.

A primeira das citas será no mes de maio, concretamente o sábado día 25 cando moi probablemente na Casa da Cultura desta localidade teña lugar o Congreso Local de Monforte. No mes seguinte, en xuño, será a quenda do Congreso Local de Chantada que ten previsto celebrarse o sábado día 8. En ambos casos os respectivos conclaves terán lugar en horario de mañá.

José Manuel Barreiro lembrou que tanto no congreso local de Monforte como no de Chantada poderán participar -co seu voto directo- todos os militantes sempre que estean ao corrente das súas cotas de afiliación. A apertura deste proceso de elección democrática permitirá que os afiliados escollan ás persoas que formarán parte da dirección do Partido Popular a nivel local e marquen a estratexia política a desenvolver nos vindeiros anos, coa vista posta nas próximas citas electorais e, moi especialmente, nas municipais.

RENOVACIÓN NAS PRESIDENCIAS LOCAIS

José Manuel Barreiro tamén sinalou que en ambas citas teñen unha circunstancia común como é a renovación das actuais presidencias locais logo de que tanto Dámaso López como Susana López Abella descartaran optar a un novo mandato.

O presidente provincial quixo salientar e poñer en valor a esforzada tarefa desenvolvida por ambos presidentes saíntes e a valía das súas achegas ao longo dos últimos anos para o fortalecemento e impulso das súas formacións políticas a nivel local, nun contexto non exento de dificultades, co PP na oposición municipal. Un cometido que teñen exercido con gran capacidade e polo que quixo agradecerlles e recoñecerlles a súas achegas. Con todo Barreiro quixo deixar claro que seguirán traballando como sempre polo partido e polo concello pero agora desde outras responsabilidades.

MONFORTE

Dámaso López Rodríguez accedeu á presidencia local do PP de Monforte en 2006, desde entón exerceu distintas responsabilidades a nivel local como concelleiro. Foi deputado no Parlamento de Galicia durante as lexislaturas 2005-2009 e 2009-2012 e, na actualidade, é Senador pola provincia de Lugo. Licenciado en Medicina e Cirurxía foi delegado provincial de Sanidade desde 2002, durante o mandato de goberno de Manuel Fraga.

CHANTADA

Susana López Abella iniciou a súa andaina como presidenta do PP de Chantada no ano 2008 logo da súa elección polo Congreso Local. Entre os anos 1999 e 2003 foi concelleira delegada de Cultura e Relacións Institucionais e tenente de Alcalde. Na actualidade exerce un posto de grande responsabilidade na Xunta como Secretaria Xeral de Igualdade e forma parte do organigrama directivo do Partido Popular a nivel provincial e autonómico, neste último caso, como Coordinadora tamén das políticas autonómicas de Igualdade. Realizou estudos de Ciencias Empresariais e foi elixida como deputada no Parlamento de Galicia desde a VI Lexislatura ata os seus nomeamentos como alto cargo da Xunta, nun primeiro momento como Secretaria Xeral de Familia e Benestar.

Os de Monforte e Chantada non so as únicas citas previstas polos populares lucenses xa que foron convocados ou teñen previsto convocarse novos congresos locais en distintos puntos da provincia e desenvolver, en consecuencia, un amplo proceso de renovación e elección democrática nun importante número das súas formacións locais.