Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR CRITICA QUE A OPOSICIÓN REXEITE CONSENSUAR UNHA PROPOSTA PEDINDO AO GOBERNO CENTRAL A REPOSICIÓN DA PRÓRROGA PARA SUBSIDIAR AS HIPOTECAS DAS PERSOAS ACOLLIDAS AOS PLANS DE VIVENDA ESTATAIS

Santiago, 23 de abril de 2013.- O portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, criticou hoxe que o grupo de AGE rexeitara consensuar unha proposta a través da que se solicita ao Goberno de España a reposición da prórroga para a subsidiación dos préstamos hipotecarios para aquelas persoas beneficiarias que cumpran os requisitos establecidos nos reais decretos que regulan os Plans de Vivenda 2005-2008 e 2009-2012. “Aínda recoñecendo que se trata dunhas axudas estatais, a nosa proposta tamén incluía solicitar á Xunta para que faga unha valoración do número de persoas acollidas a esta subsidiacións hipotecarias e articule medidas desde o ámbito autonómico que axuden a mitigar os efectos naqueles casos con maiores dificultades económicas e con especiais circunstancias familiares”, sinalou.

Jaime Castiñeira recordou que esta situación derívase da aplicación do Real Decreto-Lei 20/2012 das axudas de subsidiación de prestamos hipotecarios para vivendas protexidas, polo que “é unha situación que se da para toda España”. Por este motivo, cuestionou á portavoz de AGE que “o que está pedindo en Galicia non o aplique onde goberna Esquerda Unida, como é o caso de Andalucía” e criticou que “non se pode facer unha cousa onde gobernamos e outra onde estamos na oposición”.

PRIORITARIO, A PRÓRROGA PARA SUBSIDIAR HIPOTECAS

O portavoz popular considerou prioritario que o Goberno central repoña a prórroga para a subsidiación dos préstamos hipotecarios para todas aquelas persoas beneficiarias que cumpran os requisitos establecidos nos reais decretos que regularon os Plan de Vivenda 2005-2008 e 2009-2012, “ou, cando menos, que acceda a autorizar a prórroga naqueles casos nos que haxa constancia dunha maior necesidade en orde a criterios económicos e de circunstancias familiares”.

“O que non pode ser é que a Xunta se faga cargo desas axudas, porque son competencia doutra administración e o Goberno galego ten os seus propios plans de vivenda”, manifestou Castiñeira. Neste sentido, recordou que a Xunta ten invertido no último ano máis de 3 millóns de euros en axudas para a adquisición de vivenda e referiuse en concreto ao caso de Navia onde a administración galega investiu máis de 110 millóns de euros.

COHERENCIA

Jaime Castiñeira demandou “coherencia” aos grupos da oposición e propuxo aprobar un segundo punto a través do que se insta á Xunta, no caso de que o Estado non asuma estas axudas, a facer unha valoración do número de persoas acollidas ás subsidiacións hipotecarias dos plans de vivenda co fin de determinar a situación das familias máis desfavorecidas afectadas por esa medida.

“Este estudo permitiría articular medidas alternativas desde o ámbito autonómico que axudaran a mitigar os efectos naqueles casos con maiores dificultades económicas e con especiais circunstancias familiares”, indicou.

O portavoz popular reiterou que estas axudas son “un pago que se fai desde o Estado directamente ás entidades financeiras polo pago das persoas que adquiriron unha vivenda”. “A Xunta non é a que da estas axudas porque son competencia exclusiva do Estado, e a administración galega ten outros plantes nos que está a investir e os mantén, centrando os seus esforzos en axudar ás familias máis necesitadas”, asegurou.