Partido Popular de Lugo

BALSEIRO SINALA QUE O ACORDO DO PARLAMENTO GARANTE O FUTURO DO HOSPITAL DA COSTA E O MANTEMENTO EN BURELA DE TODOS OS SERVIZOS E CONSULTAS

Santiago, 18 de abril de 2013.- Jose Manuel Balseiro sinalou hoxe que o acordo acadado no día de onte no Parlamento de Galicia garante o futuro do Hospital da Costa e servirá para disipar calquera tipo de dúbidas respecto do mantemento da totalidade dos servizos que se seguirán a prestar neste centro hospitalario, sen necesidade de desprazarse ata Lugo.

A Cámara galega, a iniciativa dos populares, e cos votos favorables de PP e PSOE insta á Xunta literalmente “a garantir a continuidade  dos servizos, unidades e consultas do hospital da Costa de Burela (Lugo) e a desenvolver cantas xestións e esforzos sexan necesarios para incrementalos e potenciar a súa calidade asistencial”.

Malia os reiterados intentos do deputado do Grupo Popular de acadar un acordo unánime –Balseiro ofreceu incluso aceptar e incluír o 90% da emenda do PSOE e a inmensa maioría dos puntos defendidos polo BNG- as tres forzas da oposición decidiron absterse nun dos puntos fortes da iniciativa o relativo á impulsar de xeito inmediato a ampliación do Hospital da Costa. Unha petición que en todo caso si prosperou ao contar co voto favorable do PP.

VALORACIÓN

Balseiro lamentou que despois de todo o que tivemos que escoitar nos últimos meses na Mariña, as forzas da oposición sexan incapaces de apoiar un mandato á Xunta para que amplíe o hospital e sinalou en todo caso a importancia de que si fóra posible un acordo co PSOE para blindar a continuidade de todas as consultas e servizos. Dixo tamén que os veciños da Mariña non poderán atender ás forzas que decidiron non apoiar proxectos positivos para o futuro da sanidade pública comarcal.

HOSPITAL DE REFERENCIA E PREFERENCIA

Balseiro que emprazou repetidamente á oposición a que fora quen de explicar un só servizo que se puidera ter perdido nos últimos anos -petición que recibiu en todo o momento o silencio por resposta- dixo que o Hospital da Costa e o de Monforte seguirán funcionando con total capacidade e atendendo a todos os veciños da súa comarca de referencia.

Nesta liña o deputado popular insistiu en que o Hospital da Costa seguirá sendo o centro de referencia e preferencia para a asistencia de todos os veciños da Mariña que non terán que desprazarse a Lugo para recibir os mesmos servizos que ata o de agora xa existen no hospital e que incluso o Sergas traballa para amplialos.

COORDINAR NON SIGNIFICA PERDER SERVIZOS

O Parlamentario popular agradeceu que no transcurso do debate tanto os socialistas como os nacionalistas recoñeceran que a área sanitaria da Mariña non desaparece co novo modelo de xestión integrada –contradicindo os argumentos que mantiveron ata o de agora e incluso algún dos folletos que repartiron pola comarca- e sinalou que  novo modelo de xestión tan só coordina as tres áreas sanitarias lucenses, sen restar competencias a ningunha delas. “Coordinar non significa nin perder autonomía, nin perder servizos, nin restar prestacións”-concluíu con contundencia

CONTINUIDADE DA ÁREA SANITARIA DA MARIÑA

O deputado popular tamén explicou que o modelo de xestión posto en marcha polo SERGAS garante que a área sanitaria da Mariña manteña un xerente executivo, con papel reforzado e aínda máis competencias. Sinalou ademais que este xerente terá capacidade de decisión sobre os recursos da comarca tanto hospitalarios como os centros de saúde –que antes dependían de Lugo- e manexará un orzamento propio.