Santiago, 16 de abril de 2013.- O Grupo Popular proporá na xuntanza prevista para mañá mércores día 17 da Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia un acordo para garantir os servizos, consultas e unidades actualmente existentes nos hospitais de Monforte e Burela e no que incluso se lle demanda á Xunta que desenvolva cantas xestións estime oportunas para incrementalos e potenciar a calidade asistencial destes centros.
A través de dúas iniciativas, unha proposición non de lei da que é autor Jose Manuel Balseiro e unha emenda a unha iniciativa do BNG, os populares buscan acadar un acordo parlamentario con capacidade para blindar a sanidade pública das comarcas do Sur e Norte lucense fronte as dúbidas infundadas que veñen pregoando as forzas da oposición con ocasión da aprobación do novo Decreto de xestión integrada.
Na proposta do Grupo Popular tamén se pide que a Xunta garanta o mantemento das tres áreas sanitarias lucenses –isto é, a da Mariña, a da comarca de Lemos e a do Centro- e, polo tanto, que non modifique o actual mapa sanitario. Así como tamén un punto final no que se lle insta ao Goberno a impulsar a ampliación do Hospital da Costa e a mellora das prestacións sanitarias para os pacientes de Monforte.
GARANTIR SERVIZOS E MELLORAR AS INSTALACIÓNS
Jose Manuel Balseiro espera contar co apoio do conxunto das forzas política parlamentarias dado que sería imposible entender que algunha delas puidera desmarcarse dunha iniciativa destinada a garantir os servizos e mellorar as instalacións dos hospitais da Costa e de Monforte. “Teremos oportunidade de ver quen defende a sanidade pública e quen tan so busca aproveitar un tema tan serio como é a saúde para facer electoralismo”
SEN DESPRAZAMENTOS
O parlamentario popular insiste en negar con rotundidade os argumentos empregados como crítica ao novo modelo de xestión integrada lembrando que os hospitais lucenses das comarcas da Mariña e Monforte seguirán cos mesmos servizos e competencias –co obxectivo do SERGAS de incluso amplialos-, continuarán atendendo a todos os doentes como ata o de agora e non será preciso realizar desprazamentos a Lugo capital para recibir a asistencia sanitaria que na actualidade xa se vén prestando nestes centros.
UN XERENTE EXECUTIVO
Balseiro tamén insistiu que a xestión integrada é unha fórmula de coordinación das tres areas lucenses pero non resta funcións nin traballo aos hospitais comarcais, que seguirán dispoñendo dun xerente executivo con máis competencias e máis.capacidade de decisión (agora tamén sobre os centros de saúde)