Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE, LOGO DUNHA TRANSACCIÓN ENTRE PP E BNG, DENUNCIAR A COLOCACIÓN DE INMOBILIZADORES QUE CAUSEN DANOS A ANIMAIS EN LIBERDADE

Santiago, 11 de abril de 2013.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción levada a cao entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a desenvolver as medidas axeitadas para localizar e denunciar ás persoas responsables da colocación de artefactos inmobilizadores que causen danos, traumatismos ou sufrimento, e que incumpran a normativa vixente de benestar animal, así como intensificar o desenvolvemento da aplicación do regulamento 504/2008 e da normativa autonómica concordante.

O deputado popular Ángel Camino Copa manifestou que, “aínda que compartimos a preocupación por evitar o sufrimento de todos os animais, é preciso entender que a práctica de limitar a mobilidade destas reses vén determinada pola necesidade de restrinxir os longos desprazamentos da manada”.

TRATAMENTO DIFERENCIADO

Neste sentido, manifestou que “non todo aparello inmobilizador implica un dano ao animal e, polo tanto, merece o tratamento diferenciado”, de feito dixo que este tipo de prácticas teñen por finalidade manter o máximo control posible dos mesmos por parte dos propietarios, evitar danos en propiedades privadas fóra da area de influencia e incluso reducir a súa presenza nas vías públicas por cuestións de seguridade vial.

Ángel Camino fixo referencia a que “Galicia conta cun peculiar sistema de explotación de cabalos en réxime de total liberdade nos montes galegos, con importantes implicacións medioambientais, sociais, culturais, históricas, turísticas e patrimoniais que xustifican a súa protección e conservación”. “Só unha pequena parte destes cabalos de monte carecen de propietario, vivindo en hábitats de extensión limitada, en xeral baixo o control de asociacións de gandeiros, que en moitos casos levan anos a traballar na conservación desta secular forma de explotación”, apuntou.

“Determinados gandeiros que teñen cabalos no monte, co obxecto de evitar os seus desprazamentos, utilizan nos animais dispositivos que dificultan a súa mobilidade,  como trancas, pexas ou cordas, que, cando supoñen un sufrimento para o animal, deberíamos considerar unha práctica inadmisible e fronte á que xa se desenvolveron diferentes medidas”, indicou o deputado popular.

REGULACIÓN DO MONTE E IDENTIFICACIÓN DOS ANIMAIS

Por este motivo, Camino Copa subliñou que a Consellería do Medio Rural, consciente deste problema, entendeu que a solución destes problemas pasaba pola regulación do uso do monte e a identificación dos animais. En concreto, dixo que desde o ano 2010 vén publicando unha liña de axudas específica para a identificación equina dirixidas a persoas titulares de explotacións extensivas de équidos en liberdade que aproveiten o monte.

Esta liña de axudas establece un financiamento dos custes de identificación que teñan que asumir os titulares solicitantes, estimando un custe máximo por animal identificado de 40€. Desta liña de axudas, beneficiáronse 250 propietarios de équidos nos anos 2010, 2011 e 2012, identificándose 3.700 animais.

O deputado popular avanzou que as axudas á identificación completaranse no presente ano 2013 con subvencións para a subscrición de pólizas de seguros de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros para cabalos mantidos no monte en réxime de liberdade.