Lugo, 5 de abril de 2013.- O secretario xeral do PPdeLugo e voceiro de Montes do PPdeG, Jose Manuel Balseiro, ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que indicou que a nosa provincia será a máis beneficiada polas medidas que ten previsto desenvolver o Goberno galego para impulsar o uso da biomasa forestal como fonte enerxética limpa e alternativa.
O Parlamento de Galicia acordaba o pasado mes de marzo, a iniciativa do Grupo Popular e través dunha proposición defendida por Jose Manuel Balseiro, instar á Xunta a analizar e promover cantas medidas sexan precisas en apoio dos proxectos empresariais que estean dirixidos ao aproveitamento da biomasa forestal.
ABUNDANCIA DE RECURSO
Son moitas as condicións que fan da nosa provincia un emprazamento ideal para futuros proxectos empresariais baseados no aproveitamento deste recurso. Só en Lugo hai máis dun millón de hectáreas de masa forestal (incluído matogueiras), a superficie arborada é do 67% do total do seu solo o que equivale a 658.842 hectáreas, en consecuencia, Lugo é a provincia galega como maior superficie forestal arborada, avantaxando a todas as demais.
CONVERTIR UN RESIDUO NUN RECURSO
Balseiro explicou que o aproveitamento enerxético da biomasa forestal permite converter un residuo nun recurso, xa que boa parte do combustible empregado na produción desta enerxía son materias residuais que é preciso eliminar.
Así por exemplo como da biomasa aprovéitanse sobre todo restos de operacións selvícolas e cortes, matogueira, subprodutos derivados da primeira transformación da madeira…
Esta circunstancia implica tamén outras vantaxes xa que permite manter limpos os montes e, deste xeito, reducir o risco de que se produzan incendios. Segundo estimacións oficiais reducindo incluso nun 20% a incidencia dos lumes
EMPRENDEDORES INTERESADOS
Pero ademais da abundancia do recurso Lugo tamén ten outra circunstancia moi salientable –sobre todo en tempos de crise- que non quixo pasar por alto Jose Manuel Balseiro: existen emprendedores e empresas moi interesadas en sacar partido a este recurso.
Balseiro referiuse a que todos eles poderán acollerse ás vantaxes económicas e financeiras incluídas no Plan Impulsa Lugo así como a outro tipo de beneficios de discriminación positiva cara esta provincia desenvolvidos pola Xunta.
Ademais dos proxectos empresariais xa en marcha no aproveitamento da biomasa forestal como poden ser os que desenvolven varias empresas de Trabada ou Alfoz, existen propostas moi interesantes neste ámbito e iniciativas en Mondoñedo ou Palas, ou incluso na planta de As Pontes, que aínda que está noutra provincia emprega moita materia prima de montes lucenses.
A maiores a propia Xunta impulsa iniciativas no ámbito da xeración de calor e refrixeración en hospitais e edificios públicos ou a través de axudas cualificadas, para a implantación de biomasa como combustible das caldeiras nos fogares.
EMPREGO NO MEDIO RURAL
“Desde o PP entendemos que cómpre continuar na liña iniciada polo Goberno galego para promover o aproveitamento da biomasa, xa que ademais das vantaxes ecolóxicas é unha actividade que contribúe á creación de emprego e beneficia o desenvolvemento económico do medio rural, así como á fixación de poboación, xa que está baseada nun recurso disperso no territorio e que en Lugo existe en abundancia”-explicou Balseiro.
Balseiro indicou que “aqueles proxectos empresariais que aposten por esta actividade poden incluso exportar biomasa a outras áreas do territorio español”
ALTERNATIVA MÁIS LIMPA
Desde o punto de vista ambiental a biomasa forestal pode ser tamén unha alternativa firme a outras non renovables ou, cando menos, diminuír a dependencia destas últimas. “Hai que salientar a ausencia de contaminantes sulfurados ou nitroxenados”- entre outros.
CONCLUSIÓN
“Lugo é de xeito obxectivo a provincia que maior beneficio pode contar deste aproveitamento enerxético. A nosa provincia, pode converterse, en destino preferente dos proxectos innovadores no uso da biomasa forestal, e neso estamos traballando”-concluíu o secretario xeral.