Santiago, 4 de abril de 2013.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Vidal Martínez-Sierra lembrou hoxe que a decisión da Comisión Europea de reautorizar o uso de proteínas de animais non rumiantes para a alimentación de peixes en acuicultura conta co aval dos organismos e axencias europeas de seguridade alimentaria, que acreditan que non hai risco algún para a alimentación humana. Así o asegurou hoxe no transcurso do debate dunha iniciativa de AGE na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, que foi rexeitada polo Grupo Popular, e que pedía a prohibición do uso destas fariñas de orixe animal.
FUTURO VIABLE PARA O SECTOR ACUÍCOLA
“Logo da autorización do uso destas fariñas de procedencia animal non rumiante, a industria acuícola disporá dunha fonte proteica, rica en ácidos graxos e aminoácidos esencias, que sirvan de alternativa ás de uso vexetal e contribúan de maneira importante a diminuír a dependencia das fariñas de peixe. E sen lugar a dúbidas todas estas circunstancias serán positivas para Galicia e para o presente e futuro da súa industria acuícola”-dixo Martínez Sierra
SEGURIDADE ALIMENTARIA
O uso destas fariñas de orixe animal estaba vetado de xeito cautelar na Unión Europea ata que logo do seu exame exhaustivo, e de coñecerse o resultado de varios estudos solventes durante os últimos 12 anos, puido comprobarse que non existen razóns que xustifiquen a súa prohibición. Martínez-Sierra sinalou que así o acreditan os ditames da comisión BIOHAZ, entidade técnico científica que se dedica a analizar os perigos biolóxicos e que pertence á Autoridade Europea de Seguirdade Alimentaria (EFSA)
OUTRAS VANTAXES
Martínez-Sierra, tamén explicou outras vantaxes avaliadas pola Unión Europea á hora de reautorizar o uso destas fariñas de orixe cárnico, como son: contribuír á diminución da sobrepesca (xa que gran parte das fariñas de peixe proceden de pesquería extractiva e non de subprodutos), facer menos atractiva a deslocalización de empresas (ata estes momentos a moitas delas compensáballes producir fóra da UE para poder ter acceso produtos a prezos máis competitivos), se evita a competencia desleal de peixe procedente do estranxeiro (fóra de Europea si podían ser utilizados estas fariñas, abaratando os custes de produción) e, indirectamente, contribuirá a diminuír os custes dos pensos animais (ao diminuír a demanda de proteínas de orixe vexetal, principalmente soja, prevese que tamén aconteza de igual xeito no prezo destas outras materias primas)