Santiago, 30 de marzo de 2013.- Os deputados do Grupo Popular Ángel Camino e Jaime Íñiguez veñen de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia a través da que se interesan polas xestións desenvolvidas e que ten previsto desenvolver a Xunta de Galicia en relación coa cementeira Cosmos.
Os parlamentarios fanse eco das dificultades que afectan á fábrica de cementos instalada no núcleo lucense de Oural (Sarria) e lembran que a incerteza respecto do futuro desta actividade xerou preocupación entre os cidadáns da comarca de Sarria.
COÑECER INICIATIVAS E POSIBLES APOIOS
Ángel Camino explicou que a iniciativa ten por obxecto coñecer en que consistiron as xestións desenvolvidas pola Consellería de Economía e Industria e tamén os posibles apoios que poidan estudarse de cara a garantir a viabilidade deste proxecto.
Os deputados lembran que a posta en marcha dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE), unido á grave crise que atravesa o sector, son os principais interrogantes que planean sobre o futuro da factoría.
SÍMBOLO INDUSTRIAL DE SARRIA
Ao mesmo tempo, insisten na importancia que Cosmos ten no conxunto na bisbarra, xa que permite xerar entorno a 90 empregos directos, pero tamén dun número moi salientable de postos de traballo indirectos. De feito, case un centenar de transportistas desenvolven a súa actividade para a fábrica de Oural.
“En definitiva, falamos da que durante décadas vén de ser o símbolo industrial de Sarria e da súa comarca, ademais dunha parte importante do seu tecido socio-económico”¸ segundo o define Ángel Camino.
Os deputados do Grupo Parlamentario Popular entenden que a actividade industrial desta empresa ten futuro (de feito é o único centro de traballo destas características existente en Galicia dentro do sector) e, en consecuencia, corresponde ao conxunto da sociedade, administracións, dirección e persoal da mesma dar os pasos necesarios para a densa da súa viabilidade e mellores garantías de futuro.