Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DEFENDE QUE A XUNTA TEN QUE APROVEITAR TODOS OS RECURSOS DISPOÑIBLES, “SEN EXCEPCIÓN”, NA LOITA CONTRA O LUME

O Grupo Parlamentario Popular defende que a Xunta de Galicia ten que aproveitar todos os recursos dispoñibles “sen excepción” na loita contra os incendios forestais e, en consecuencia, rexeitou a proposta de AGE pola que reclamaba no Pleno do Parlamento de Galicia que só se empreguen medios de titularidade pública.

O deputado Jose Manuel Balseiro, encargado de posicionar o Grupo Popular, cualificou como “indispensable” e “irrenunciable” a colaboración público-privada na loita contra o lume que permite a Xunta, por exemplo, dispoñer de medios complementarios de gran especialización tecnolóxica como son os helicópteros contra incendios ou os avións de carga en terra.

Os populares consideran que as teses defendidas por AGE son “temerarias” porque suporía renunciar a recursos e a uns medios que polo seu gran custe e elevado gasto de mantemento e, polo seu uso nun período moi limitado, non están ao alcance da iniciativa pública.

SERVIZO PÚBLICO, FINANCIADO CON RECURSOS PÚBLICOS

Balseiro en todo caso quixo deixar claro que os operativos de prevención e extinción de incendios forestais prestan un servizo público, están financiados con recursos públicos –procedentes dos impostos de todos os galegos- e coordinados e dirixidos por persoal da administración pública.

No ámbito da xestión de persoal, Jose Manuel Balseiro explicou que o operativo contra incendios está integrado basicamente por traballadores públicos: funcionario, laboral, fixo e fixo discontinuo –de feito co PP no goberno aumentaron en máis de 900 prazas-, e complétase con outros medios nas épocas de maior risco. En todo caso, son postos de traballo financiados con recursos públicos e dirixidos por persoal da administración pública.

De feito o Grupo Popular lembrou que a modificación normativa da Lei autonómica de incendios operada trala aprobación da Lei de Montes, na pasada lexislatura, tivo por obxecto reforzar a figura do director técnico de extinción, ao convertelo no responsable máximo e mando único operativo durante as tarefas de loita contra o lume, que ademais garante a coordinación de todos os traballadores que participan na extinción.