Lugo, 21 de marzo de 2013.- O Partido Popular de Becerreá distribuirá un folleto informativo entre os veciños da localidade no que denuncia que a deixadez da Alcaldía impide a legalización das vivendas actualmente sen licenza e facilita os derrubamentos. Así o explicaron hoxe en rolda de prensa os edís do PP nesta corporación, encabezados polo seu voceiro, Antonio González Madarro e acompañados do secretario xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro.
Os populares sinalan así ao alcalde socialista, Manuel Martínez, como o primeiro responsable do caos urbanístico no que mantén a gran parte dos núcleos rurais do concello e lembra que na figura do rexedor recae a responsabilidade exclusiva para ordenar, xestionar e executar o urbanismo no seu territorio.
José Manuel Balseiro, acompañado polo voceiro municipal en Becerreá, Antonio González Madarro, e un edil popular becerrense |
Desde o Partido Popular se insiste en que o Concello debe aprobar canto antes o Plan Xeral como fórmula para evitar posibles demolicións e legalizar as vivendas que na actualidade poidan atoparse fóra da lei e polo tanto, susceptibles de ser obxecto de sancións urbanísticas. A necesidade de impulso do Plan Xeral é un feito que, por certo, xa foi advertido en diversas ocasións pola Xunta, atopándose sempre coa falta de reacción do alcalde.
“Despois de case oito anos do inicio dos traballos, Becerreá segue sen contar cun Plan Xeral de Ordenación Municipal. O desinterese do alcalde na aprobación do Plan Xeral impediu –ata o de agora- unha solución para legalizar vivendas e motivou a actuación da Xunta”.
DERRUBAMENTOS
Por outra banda, Balseiro e González Madarro quixeron deixar claro ante a veciñanza que o Concello coñece desde o ano 2002 o acordo firme para derrubar unha vivenda deshabitada, construída sen licenza en solo rústico. Polo tanto, pasaron máis de 10 anos para que o Concello puidera solucionar este problema e iso a pesar de ter mecanismos legais dabondo para facelo.
O PP sinala finalmente, no seu folleto informativo, que a Xunta ten a obriga de facer cumprir a legalidade, pero o alcalde puido legalizar as vivendas e evitar que sexan derrubadas, simplemente asumindo a súa responsabilidade e traballando para aprobar dunha vez o Plan Xeral como é a súa obriga.