Lugo, 13 de febreiro de 2013.- O Partido Popular de Lugo, a través do seu secretario xeral, Jose Manuel Balseiro, saíu hoxe ao paso das críticas efectuadas polo PSOE e lembrou que, segundo as previsións da Xunta de Galicia, preto do o 57% dos alumnos lucenses non pagarán nada polo uso do comedor escolar.
Os populares defenden que a Xunta adoptou unha medida que garante que os que teñen menos recursos poidan seguir tendo acceso gratuíto aos comedores escolares e que o resto dos usuarios, con rendas máis altas, contribúan para poder seguir aumentando as prazas de comedores escolares xestionados pola administración autonómica.
EN FUNCIÓN DA RENDA
“Parécenos razoable que o acceso a determinados servizos se module en función das rendas. Ningún mileurista vai ter que pagar o comedor escolar, pero é normal que as rendas altas o fagan. Non é sensato que unha familia con ingresos de máis de 60.000 euros ao ano teña comedor gratis nun momento económico de dificultade como este” explicou Balseiro.
O secretario xeral dos populares lucenses insiste en que aqueles que realicen pagos deberán facelo en tramos de 1, 2,5 e 4,5 euros diarios como máximo, distribuídos en función da renda das familias. “Cremos que é unha medida xusta, que permite á Xunta priorizar os seus recursos e seguir estando á beira de quen máis o necesitan”.
DÉBEDAS DO PSOE
Balseiro tamén explicou que “fronte ao actual modelo, a oposición defenderá unha vez máis o modelo socialista: gratis total para todos, pero deixándoo todo a deber para que pague o seguinte que goberne”. Mentres que agora a Xunta aplica unha política máis xusta, de redistribución da riqueza, de responsabilidade na xestión dos recursos.