A Mariña, 12 de marzo de 2013.- O Partido Popular da Mariña saíu ao paso das críticas efectuadas pola Xunta de Persoal do Hospital da Costa en relación coa oportunidade que lle brinda a xestión integrada para ofertar en Burela o servizo de tratamentos de quimioterapia para enfermos de cancro, sen necesidade de ter que desprazarse ata Lugo.
Os populares sosteñen que o hospital da Costa dispón dunha capacidade resolutiva e dunha capacitación dos seus profesionais que aínda se verá ampliada e polo tanto que permitirá asumir esta prestación con total garantía de calidade e seguridade, sempre co seguemento que é preceptivo por parte do Servizo de Oncoloxía Médica. Desde o PP dixeron que incluso agora mesmo xa está a tratar a estes pacientes no hospital, pero a novidade radica en que agora os doentes non terán que desprazarse fóra (ata Lugo) para recibir o tratamento médico.
ASÍ ACONTECEU EN VERÍN E VALDEORRAS
Desde o PP sosteñen que efectivamente, a posta en marcha de tratamentos quimioterápicos esixe de espazo –a resolver no momento en que se amplíe o centro-, de formación e de capacitación, e esixe dunha selección de pacientes axeitada; que son os mesmos requerimentos cos que se puxo en práctica esta prestación nos hospitais de Valdeorras e de Verín, logo da aplicación da xestión integrada, centros nos que xa se está a dispensar este tipo de atención sen necesidade de que moitos pacientes teñan que desprazarse ata as súas respectivas capitais.
A XUNTA DE PERSOAL EN CONTRA DAS MELLORAS
Finalmente desde o PP amosaron a súa perplexidade logo de comprobar como unha Xunta de Persoal dun hospital pode amosarse en contra da ampliación do centro e da mellora dos seus servizos. “Debe ser un caso único en España que o Goberno esté anunciando melloras e os que din representar aos traballadores critiquen este feito, salvo claro está que defendan criterios distintos aos que deberían”
Desde o PP insisten en que seguirán traballando por facer realidade a inminente licitación do proxecto de ampliación do Hospital e a súa posterior execución e manteñen que mentres o Goberno da Xunta estea en mans do Partido Popular garanten e blindarán a continuidade de todos os seus servizos, unidades e consultas do Hospital da Costa e incluso os incrementará na medida das súas posibilidades, algo totalmente contrario ao discurso do medo que manteñen desde os partidos da oposición e organizacións afíns.
.