Santiago, 27 de febreiro de 2013.- A voceira de Medio Rural do PPdeG, Isabel García Pacín, defendeu hoxe no pleno do Parlamento que “se avanzou máis con meses deste Goberno en defensa do sector lácteo que nas dúas lexislaturas anteriores co Goberno do PSOE en Madrid”. Nese sentido indicou que “por primeira vez se deron pasos firmes reunindo a produtores, distribución e industria, cambiando normativas e con axudas económicas a necesidades puntuais facendo que Galicia liderara a demanda de solucións para o sector”.
A voceira popular indicou que en canto ao liderado a nivel nacional foi Galicia quen pediu que se reunisen coa distribución e firmaron un acordo entre produtores, industria e distribución para desterrar prácticas comerciais que xeran prezos á baixa. Así mesmo destacou o acordo lácteo asinado co Ministerio para levar adiante o programa “Produtos Lácteos Sostible” e a dotación no plano estratéxico do lácteo en Galicia de Fondos Europeos para as explotacións lácteas, realizando a Xunta un importante esforzo achegando no 2012 máis de 136 millóns de euros e que serán preto de 180 millóns neste ano en axudas directas.
Segundo a voceira de Medio Rural do PPdeG “foron os gobernos do PP os que aportaron fondos propios cando había dificultades no ano 2009 achegando 20 M de €, foron quen de defender ante a UE fondos adicionais para 2012 e 2013 de 31M de €, e de por en marcha axudas para mellorar a liquidez e garantir a viabilidade das explotacións con préstamos minorando as taxas de xuro ou con axudas para moratorias na devolución dos mesmos, cunha vindeira convocatoria de axudas por valor de 500.000€”.
Estas manifestacións foron realizadas por García Pacín no pleno do Parlamento nunha iniciativa do BNG ao que o Grupo Popular presentou unha emenda, que non foi aceptada polo que non puido ser incorporada a votación. Nesta emenda os populares galegos propoñían unha serie de medidas a curto e medio prazo en defensa da viabilidade do sector lácteo galego e do equilibrado da cadea de valor da comercialización dos seus produtos. O texto da emenda, segundo indicou a voceira popular “foi aprobado na Cámara galega en decembro desta Lexislatura, rexeitado daquela pola oposición e que contén acordos e medidas que hoxe se están a cumprir”.
Entre as medidas a curto prazo pedía dar continuidade ao impulso dun grupo de traballo entre os diferentes segmentos do sector, reforzar o desenvolvemento do Plan de Control de Calidade do Leite, reforzar a situación do mercado lácteo para detectar e sancionar posibles prácticas abusivas e demandar ao Ministerio de Agricultura o cumprimento estrito do acordo asinado entre produtores, comercializadores e transformadores para que a leite deixe de ser un produto de reclamo comercial e artellar unha fórmula áxil para achegar as axudas conseguidadas na UE para xerar liquidez nas explotacións.
A medio prazo o Grupo Popular solicitaba medidas específicas para avanzar na formulación dun modelo de territorio rural que leve a dispor de maior base territorial para as explotacións lácteas galegas, continuar co apoio a marca identificativa do leite galego “Galega 100%” ou fomentar a estructuración das organizacións de produtores lácteos.