Lugo 6-2-2013.- Logo das declaracións verquidas polos mozos socialistas no tocante a LOMCE, dende a Secretaría de Educación e Universidades de NNXX do Partido Popular de Lugo, manifestan, en primeiro lugar, que o proxecto de Lei está en trámite polo que piden “deixar traballar aos axentes implicados”, e lembran que este Goberno está aberto ao diálogo.
Manifestan os mozos populares que España leva máis de 16 anos perdidos no que a educación se refire cuxo principal problema nesta materia foi a imposición dun modelo educativo fracasado, contrario aos modelos educativos de maior éxito.
“Fai falla unha reforma educativa valente, que sente os principios sobre os que sustentar un sistema educativo de calidade, posto que non hai nada máis inxusto e excluínte que expulsar a máis dunha cuarta parte dos alumnos sen futuro do sistema educativo, consecuencia da lexislación educativa vixente actualmente”- afirman.
Aseguran os populares que a nova normativa pretende atallar o abandono e o fracaso escolar, fomentar a empregabilidade, mellorar o nivel de coñecemento en materias prioritarias, sinalizar o logros de obxectivos de cada etapa, incrementar a autonomía dos centros, mellorar o uso das TIC e a aprendizaxe de linguas estranxeiras, e, en cumprimento de sentenzas do Tribunal Constitucional, garantir o ensino de todas as linguas cooficiais.
Conclúen os populares asegurando que a nova normativa pretende levar a cabo todo o mencionado anteriormente, sen renunciar a defender os intereses da comunidade educativa galega, tal e como ven facendo o Goberno da Xunta, xa que “está a traballar para poñer a Galicia por riba de todo, cun sistema educativo de excelencia, coherente no conxunto do Estado e que atenda as nosas características diferenciais”.