Partido Popular de Lugo

Un grao de execución orzamentaria do 6% na partida destinada a benestar a catro días de peche do 2012 evidencia a ineficacia do goberno de Gómez Besteiro

Lugo, 7-02-2013A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación Provincial de Lugo denunciou esta mañá en rolda de prensa o “baixo nivel” de execución orzamentaria da Deputación Provincial de Lugo especialmente nun ano “de crise profunda como a que estamos a vivir” e en áreas de especial relevancia como é a de benestar.  “É reprochable e lamentable”, alertou a popular ao facer público que o grado de execución orzamentaria da partida de Acción Social – Transferencias Correntes a Concellos ( que aglutina as subvencións para SAF) era de tan só un 6% a catro días do peche do ano 2012.

Ao desglosar a partida de Acción Social, cun orzamento de 1.088.000 euros; os populares reproban que a data 27 de decembro de 2012, sexa considerablemente inferior a contía aboada aos concellos en materia de benestar, 66.000 euros, (o 6%); fronte a contía de 367.000, cuxo gasto non fora autorizado; e aos 655.000 euros que estaban pendentes de pago.

A voceira dos populares considerou que este “baixo grao de execución” na partida que aglutina as subvencións destinadas a sufragar o Servizo de Axuda no Fogar é a “demostración máis fehaciente” de que ao bipartito da Deputación Provincial “non lle importa en absoluto a garantía do benestar”. Candia refiriu a un novo dato ao que cualificou de “lamentable e deplorable”, xa que o grao de execución orzamentaria da partida ‘Outros Servizos de Benestar Comunitario”, en concreto, en transferencias de capital a familias e institucións sen fin de lucro, era de tan só o 3% a data 27 de decembro.

A voceira popular asegurou que as administracións públicas teñen a obriga de empregar os recursos públicos con eficacia, e “de nada serve presupostar partidas que logo non se executan, a non ser para facer anuncios baleiros e electoralistas”, puntualizou a popular.

Unha Administración “incapaz” de executar preto do 40% do seu orzamento

A baixa execución orzamentaria da Deputación, “incapaz de rendibilizar o 40%” do total do seu orzamento, evidencia que os investimentos contemplados no seu orzamento son “pouco máis que papel mollado”, así o puxo de manifesto a voceira popular tras indicar que a data 27 de decembro de 2012, o grao de execución do orzamento da Deputación provincial era “tan só” dun 60,34%.

“De 100 euros, preto de 40 quedaban sen autorizar, executar ou aboar a catro días do peche do ano”, lamentou a popular, ao tempo que se preguntou se non hai lucenses, familias ou empresas ás que podería destinar a Deputación de Lugo o seu orzamento? Este baixo nivel de execución orzamentaria será un dato que “terá que explicar a todos os veciños da provincia”.

A portavoz popular explica que unha administración eficaz pódese medir polos seus niveis de execución, especialmente no que se refire aos apartados de investimentos reais e transferencias de capital. Neste senso, máis de 14 millóns de euros en investimentos reais, que nin tan sequera chegaron a fase contable de autorización de gasto (e polo tanto, nin executados, nin pagados); e outro 1,1 millóns en transferencias de capital (tamén sen autorizar o gasto) son exemplos “alarmantes”, que proban “a ineficacia coa que actúa o equipo de goberno de Gómez Besteiro”.

Actuación rutinaria e reiterativa do bipartito

A portavoz do PP na Deputación de Lugo considera “imprescindible” mellorar os niveis de execución dos presupostos para que a Deputación se poda converter nun elemento dinamizador da economía lucense.

Neste senso a popular lamentou que Gómez Besteiro unha vez máis sexa incapaz de elaborar respostas eficaces pese a contar cun orzamento que superou os 93 millóns, ao tempo que denunciou que o baixo nivel de execución orzamentaria se estea a converter nunha rutina na Deputación lucense.  Así a popular lembra o grao de execución de anualidade anteriores que en ocasións non superaron o 50%, o que inclusive obrigou aos populares a rexistrar, no seu momento, unha iniciativa para elaborar un plan de seguemento e optimación da execución orzamentaria, rexeitada polo PSOE e o BNG no goberno provincial.

A voceira popular explicou que o estudo e a utilización destes datos, a fecha 27 de decembro de 2012, responde a que o Grupo Provincial Popular solicitou o estado de execución orzamentaria da Deputación a data 4 de decembro, véndose na obriga de reiterar a petición a data 27 de decembro, tras non serlle facilitada esta documentación. Finalmente, a documentación co grado de execución orzamentaria facilitóuselle ao Grupo Provincial o venres, 1 de febreiro de 2013, e cos datos a día 27 de decembro.