Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que destacados dirixentes do PSOE están tras a pegada de carteis chamando á manifestarse este domingo

Lugo, 15 de xaneiro de 2013.- O Partido Popular denunciou hoxe a manipulación da que están a ser obxecto os lucenses tras constatar que destacados militantes do PSOE, entre eles exalcaldes e edís locais socialistas, están trala pegada de carteis nos que se chama a manifestarse este domingo, diante do Congreso do PPdeG, para reclamar novos servizos no Hospital Lucus Augusti.

Os populares insisten en que desde o absoluto respecto aos cidadáns que queiran saír a rúa e  expresar libremente e de boa fe as súas reivindicacións, si consideran preciso recordar que asistimos a outra manifestación máis instrumentalizada pola oposición, e moi en concreto desde o PSOE provincial, cuxo único obxectivo é desgastar ao Goberno e desdebuxar a importancia de que a cidade Lugo acolla o Congreso Autonómico do PPdeG, tras ter acadado a formación popular lucense os mellores resultados electorais de Galicia.

“Os cidadáns deben saber que como demostran os feitos concretos como os que hoxe denunciamos tras esta manifestación hai unha clara intencionalidade política”- dixo o secretario provincial dos populares lucenses, José Manuel Balseiro- lembrando que tanto a convocatoria, como a forma de protesta decidiuse na sede provincial do PSOE.

O PP A FAVOR DA IMPLANTACIÓN DE HEMODINÁMICA

Os populares manteñen que os discursos e proclamas ofrecidas polo PSOE sobre esta cuestión buscan confundir á sociedade con falsidades xa que o Partido Popular –e queren insistir neste asunto- defende e cree necesaria a implantación de hemodinámica no HULA, e que nesa liña están traballando tanto desde o partido como na Xunta, malia que tamén matizan que pouco ou nada poden axudar neste obxectivo, estratexias dirixidas a xerar crispación ou montar manifestacións de marcado carácter partidista.

CRÍTICAS AO PSOE

“Parécenos indecente que o partido que levou á ruína á sanidade pública, o PSOE, proteste contra un Goberno cuxo único obxectivo é blindar e garantir este servizo básico xestionando de xeito realista e eficiente os recursos dispoñibles” –asegurou José Manuel Balseiro- “Parécenos indecente que o partido que non foi quen de rematar o novo hospital de Lugo, nin de dotalo de ningún dos seus servizos ou equipos en tempos de bonanza, agora en plena crise esixa investimentos cuxa implantación eles mesmos non foron quen de asegurar.

Con todo desde o PP insisten en que están a facer un grande esforzo no eido sanitario para que haxa máis actividade en quirófanos, menores listas de espera para pacientes graves e máis investimento para a ampliar os servizos no novo hospital. Como dato, lembraron que hoxe, a sanidade pública supón ou 40% do orzamento anual da Xunta de Galicia, e segue sendo unha cuestión prioritaria para o PP e para o Goberno de Feijóo